Escoitar

O Concello dota do material necesario á tripulación dun buque do Instituto Oceanográfico

martes, 7 xan 2003
imx2192.jpg
Sensor do buque
O Concello de Vigo dotou do equipamento e material necesarios á tripulación do ”Vizconde de Eza”, buque do Instituto Oceanográfico de Vigo, que partiu cara a foxa onde se afundiu o ”Prestige” co obxectivo de investigar os efectos do vertido de fuel procedente do petroleiro.

Persoal da Universidade de Vigo será o encargado de desenvolver a investigación a bordo do buque ”Vizconde de Eza” que desenvolve campañas de investigación pesqueiras e oceanográficas. Este buque pódese considerar como un gran laboratorio flotante que permite realizar, gracias á súa polivalencia, campañas de pesca en diferentes modalidades, así como investigacións en aspectos da xeoloxía mariña, da ecoloxía, do medio ambiente ou contaminación. A bordo dispón de laboratorios de hidroloxía, química e bioloxía mariñas.

Desde a súa entrada en servicio, en novembro de 2000, o buque ten realizado campañas de investigación pesqueiras e oceanográficas en augas do Estreito, en Terra Nova, no Mediterráneo, no Gran Sol e na Zona Económica Exclusiva de Canarias, entre outros lugares. A súa misión principal é sondear e avaliar a situación dos mares para procurarlle caladoiros á flota pesqueira española.

O ”Vizconde de Eza” dispón de medios adecuados para a pesca de fondo e semipeláxica mediante o sistema de arrastre pola popa con rampa, así como medios apropiados para a investigación, preparación e conservación do peixe a bordo unha vez capturado.

Outra das súas características é o sistema de posicionamiento dinámico que ten incorporado que lle posibilita manterse nun punto concreto do mar, sen desprazamento unha vez fixada a súa posición, xa que acciona de maneira automática os distintos equipos de propulsión ou timón de acordo coas variacións que poida sufrir polas ondas do mar ou o vento. É o primeiro buque español de investigación científica que posúe este equipamento.

O buque está dotado dos máis modernos equipos de navegación e detección, así como dun sistema de propulsión diesel-eléctrico que lle confiere un desprazamento totalmente silencioso, unha das cualidades deste navío que garantiza que os equipos de medición teñan unhas lecturas alleas a vibracións e ruídos.

Tamén dispón, na súa parte inferior, dunha quilla retráctil que pode chegar a sobresaír entre 4 e 4,50 por debaixo da súa liña base. Este elemento, que se introduce no casco do buque cando navega e non se necesita, leva instalados transductores para os equipos de detección acústica, cardumes e control de artes que, ao estar separados do casco do barco, lle permiten lograr medicións moito máis fiables.
Descargar todas as imaxes