Escoitar

Delfín Fernández visita os peóns e oficiais contratados na convocatoria 2003 do Promil, en fase de formación

martes, 7 xan 2003
imx2193.jpg
Visita do concelleiro
O concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Delfín Fernández Álvarez, tivo hoxe un primeiro contacto cos 54 desempregados contratados na convocatoria deste ano 2003 do Programa municipal de inserción laboral (PROMIL), 40 peóns e 14 oficiais, que desde comezos do presente mes de xaneiro se atopan na fase de formación nas instalacións municipais do antigo mercado de Cabral. Con esta contratación, que supón a cuarta deste programa de emprego, increméntase o cadro de persoal actual de traballadores do PROMIL ata un total de 108 persoal, entre peóns e oficiais.

Durante esta fase da súa contratación, que terá unha duración total de doce meses, recibirán unha formación teórico-práctica impartida polo Fondo de Formación e que consiste nun curso básico de Prevención de Riscos Laborais e un curso de cada unha das diferentes especialidades: electricidade, albanelería, xardinería e cantería.

A filosofía do PROMIL vén marcada polo obxectivo de xerar emprego, pero cun criterio de necesidade social determinante á hora do proceso de selección das brigadas de peóns, valorándose, entre outros, o nivel de renda por unidade familiar, as cargas familiares e a antigüidade no desemprego.

O PROMIL representa unha das principais referencias do Plan Municipal de Emprego, constituíndo unha nova ferramenta de apoio á inserción laboral dos desempregados de longa duración, pioneira na Comunidade Autónoma Galega. Tamén hai que destacar que estas contratacións se regulan polo convenio colectivo do Plan Municipal de Emprego, consensuado cos tres sindicatos maioritarios, que é un instrumento básico á hora de desenvolve-los plans e programas municipais de fomento de emprego.
Descargar todas as imaxes