Escoitar

O alcalde anima a toda a cidade a participar o 15 de maio na III Andaina polos montes de Vigo

O próximo 15 de maio organízase a III Andaina polos montes de Vigo, cun percorrido de case 39 quilómetros distribuidos en tres itinerarios con diferente lonxitude e dificultade. Esta iniciativa forma parte do programa "Camiño a Camiño" que xa conta con máis de 8.000 participantes.

venres, 6 mai 2016
1462538880andaina.JPG
O Concello de Vigo bota a andar a IIIª Andaina polos montes de Vigo, incluída no programa de educación medioambiental "Camiño a Camiño" que se leva desenvolvendo dende hai oito anos e que conta xa nestes momentos cunha participación de preto dos 8.000 cidadáns e cidadás. Na presentación, Abel Caballero animou a toda a cidade a sumarse a "esta forma distinta de entender a natureza e os montes de vigo. Trátase, dixo, vigo, dunha riqueza cultural incalculable e o obxectivo da andaina é gozar da paisaxe e facer unha actividade saudable. Caballero, durante a súa intervención, agradeceu a úa colaboración ás comunidades de montes de Vigo, ademáis de aos patrocinadores Vegalsa Eroski e El Corte Inglés, todos eles presentes.

A IIIª Andaina polos montes de Vigo busca pór en valor dun patrimonio natural e paisaxístico excepcional co que conta o municipio e que cómpre coñecer para saber darlle un uso recreativo dende o respecto e a conservación. Como non, tamén é unha invitación á realización de exercicio físico como xeito de manter hábitos saudables. O evento faise en colaboración coa Montes de Vigo, asociación que agrupa as trece comunidades de montes presentes no concello, e conta co patrocinio de Eroski-Center e de El Corte Inglés que contribúen a que o evento se poida facer dun xeito máis agradable a través dos kits de avituallamento, da camiseta da proba e dun concurso fotográfico entre os participantes.

Nesta terceira edición da andaina vaise propor á cidadanía viguesa coñecer de preto dous dos seis sendeiros locais sinalizados polo Concello de Vigo: Zamáns e Bembrive-Beade, xunto cun trazado que transita por tres comunidades de montes (Comesaña, Matamá e Valladares) e unha parte do GR-53. En total o percorrido acada preto dos 39 quilómetros e conta cunha rica combinación de espazos naturais singulares, de patrimonio etnográfico e de vistas panorámicas do concello de Vigo e bisbarra.

Aspírase a que 1.500 persoas de todas as idades "salten" aos nosos montes e realicen algún dos percorridos propostos con distinto nivel de dificultade. Este ano configurase dun xeito distinto ao das edicións pasadas: haberá tramos de percorridos independentes entre sí e cada participante poderá escoller aquela combinación que considere máis oportuna. O trazado completo é semellante ao dunha póla de carballo.

Tramo 1: variante GR-53. Parque forestal de Aguieira (Comesaña) – Parque forestal de Maruxento (Matamá) – Parque forestal do Monte dos Pozos (Valladares) – Monte Alba – Parque Industrial A Pasaxe – Rotonda do Cuvi en Zamáns.
Distancia: 12 quilómetros. Duración aproximada: 2 ½ - 3 horas. Ao finalizar conecta co tramo 2.
Recomendación: tramo dirixido a quen queira facer toda a andaina ou un percorrido longo.

Tramo 2: sendeiro local de Bembrive-Beade. Partindo da rotonda do Cuvi, atravesa os montes de Beade e de Bembrive, para encararse de novo dende a rotonda do Cuvi cara o Parque Forestal de Zamáns.
Distancia: 18,3 quilómetros. Duración aproximada: 4 ½ - 5 horas.
Recomendación: tramo que se pode facer en exclusiva ou combinado co tramo 1 (sumado serían 30,3 km).

Tramo 3: sendeiro local de Zamáns. Arranca e remata no Parque Forestal de Zamáns, segue o sendeiro local de Zamáns e faise unha desviación para contemplar o muíño de Maquías en Valladares..
Distancia: 8,5 quilómetros. Duración aproximada: 2 ½ - 3 horas.
Recomendación: tramo pensado para familias con nenos ou persoas que queiran desfrutar tranquilamente dun espazo natural engaiolante. Tamén se pode facer combinado co tramo 2 (total 26,8 quilómetros) e combinado cos tramos 1 e 2 (andaina completa: 38,8 quilómetros)

Inscripcións
Aqueles/as interesados en participar na IIIª andaina polos montes de Vigo pódense inscribir ata o 12 de maio tanto na Casa da Xuventude (López Mora 31) como en El Corte Inglés, sección de deportes (6º andar), en horario de mañá e tarde, de luns a sábado. A inscrición leva asociado a aceptación do regulamento da andaina (ver abaixo) e aboar os 2 euros (1 euros para menores de 12 anos). Coa inscrición entregarase a tarxeta de participación e un vale para recoller ata o 13 de maio en El Corte Inglés (sección Deportes, 5º andar) a camiseta conmemorativa da IIIª Andaina polos montes de Vigo.

O mesmo día da andaina, presentando a tarxeta de participación no control de saída establecido na Praza do Rei, entregarase un kit con material de avituallamento e promocional cortesía de Eroski-Center. Tamén ao longo do percorrido, poderase completar o abastecemento.

Unha vez chegado ao punto de saída das distintas andainas, iniciaranse as mesmas co acompañamento de persoal de organización que encabezarán os grupos e que se verán reforzados en diversos puntos críticos ou travesías por voluntarios/as das distintas comunidades de montes que se transitan. Tamén participará a Policía Local e Protección Civil para atender os cruces perigosos ou posibles eventualidades no discorrer da actividade. En total prevese un equipo de apoio de preto de 100 persoas.

Está previsto pechar a actividade e facer a comida no Parque forestal de Zamáns, agás os que fagan todo o percorrido, que continuarán pola tarde. A partir das 16:00 horas, estarán dispoñibles as lanzadeiras que volverán á Praza do Rei.

Coa tarxeta de chegada poderanse presentar entre os días 16 e 21 os participantes no concurso de fotografía "Descobre Vigo dende os seus montes" promovido por El Corte Inglés, no que se establecen tres premios para as categorías de "Paisaxes da andaina", "Momentos da andaina" e "Selfies" (ver bases a continuación).
Descargar todas as imaxes