Escoitar

O Concello tramita unha nova zona azul con pago telemático e información das prazas en tempo real

Segundo informou Abel Caballero, o goberno de Vigo aprobou este venres o expediente de contratación deste servizo, un contrato que sairá por dez anos e coa subrogación do persoal actual. Como novidades, o alcalde subliñou o pago telemático, a información en tempo real das prazas dispoñibles e a eliminación da rotación cada dúas horas en toda a cidade.

venres, 6 mai 2016
A Xunta de Goberno Local deste venres aprobou o expediente de contratación do servizo de estacionamento regulado e controlado na vía pública mediante parquímetros, a coñecida como zona azul, un novo contrato que inicia agora a súa licitación e que sairá por un prazo de dez anos (prorrogables anualmente por outros dous) e contemplando a subrogación dos traballadores.

Abel Caballero salientou que o novo contrato permitirá a monitorización do servizo en tempo real. Así, a través das novas tecnoloxías, tanto o Concello coma os usuarios disporán en todo momento de información sobre prazas dispoñibles, a súa localización, o nivel de rotación e ocupación por rúas, as preferencias de uso...

Grazas aos datos en tempo real, o goberno de Vigo eliminará a obriga de rotación de dúas horas en toda a cidade. A monitorización permitirá coñecer o uso efectivo das prazas, polo que o Concello adecuará o tempo de rotación ás necesidades dos cidadáns. Segundo indicou Caballero, en cada zona da cidade haberá límites horarios de estacionamento adaptados, dependendo de se o entorno é hospitalario, comercial, residencial, de oficinas...

Outra novidade prevista no novo contrato é o acceso telemático ao servizo, o que fará posible que os usuarios, sen ter que acoder aos parquímetros, poidan efectuar un pago ou unha cancelación, por exemplo.

Albergue
O goberno de Vigo aprobou tamén a prórroga por seis anos máis da cesión de uso das instalacións da Casa do Pescador, en Marqués de Valterra, para Centro de Inclusión e Emerxencia Social. En virtude desta decisión, que conta desde 2017, o albergue continuará na súa localización actual alomenos ata 2023, mais Caballero amosou a súa confianza en que o albergue quede neste emprazamento para sempre.

O alcalde recordou que esta instalación municipal presenta un orzamento de 700.000 euros anuais. Para dar acollida e servizo ás persoas sen teito, o Centro conta con corenta camas, comedor, lavandería, atención polo día e tamén na rúa, entre outras medidas.

Outros acordos
En rolda de prensa, Abel Caballero informou doutras decisións adoptadas este venres pola Xunta de Goberno Local. Na nomeada sesión, o Concello aprobou as bases para optar aos 25.000 euros que adica para o bono-taxi, un medio alternativo de transporte adaptado para persoas con discapacidade. Desde a publicación da convocatoria, os interesados teñen 20 días naturais para presentar as solicitudes á convocatoria, que terá en conta os ingresos, establecendo un límite de 16.000 euros per capita de renda.

O goberno de Vigo tamén adxudicou provisionalmente o salvamento e socorrismo para dez praias da cidade durante este verán, un contrato de dous anos para o que o Concello adica 426.000 euros anuais. Os areais con salvamento serán A Punta (Teis), O Tombo do Gato, Argazada (Alcabre), Samil, O Vao, Fontaíña (Coruxo), Canido (San Miguel de Oia), Fortiñón (Saiáns), Rodas e Figueiras (Illas Cíes).

Por último, o rexedor vigués informou da aprobación das bases e convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para a realización de programas e actividades de promoción da muller. Con algo máis de 81.000 euros orzamentados, o Concello prevé pontenciar accións de fomento e consolidación do asociacionismo feminino, de promoción das mulleres en todos os ámbitos da vida pública e privada, de concienciación e formación en xénero e igualdade, e de prevención e loita contra a violencia de xénero.