Escoitar

Vigo celebra o Día de Rosalía coa divulgación da súa obra

A lectura de poemas da escritora padronesa, a realización de actividades arredor da súa obra, teatro e un paseo literario conforman o programa que o Concello organiza para conmemorar o nacemento de Rosalía de Castro. Este mércores os escolares foron os protagonistas dun recitado de poemas no barrio do Calvario no que participou o alcalde.

mércores, 24 feb 2016
1456321353escolares.JPG
O Concello de Vigo súmase á celebración do nacemento de Rosalía de Castro, tal día coma hoxe, 24 de febreiro do ano 1837, coa organización de diversos actos para homenaxear a súa figura e a súa traxectoria literaria.

Abel Caballero lembrou que o Pleno municipal acordou declarar o 24 de febreiro como "Día de Rosalía en Vigo" e deu conta das "accións de divulgación da súa poesía e dos seus escritos" postas en marcha para celebrar a efeméride, como é o caso da lectura de poemas que se realizou esta mañá no barrio do Calvario na que participou o rexedor xunto ao alumnado e profesora do IES Castelao e do CEIP O Pombal. O alcalde destacou tamén a colaboración da Asociación de Comerciantes e do Mercado do Calvario que locen nos seus escaparates vinilos con poemas e confiou en que esta data "sexa pronto o día de Rosalía en Galicia".

A xornada de conmemoración do nacemento da escritora padronesa continúa pola tarde nos espazos de dinamización infantil e xuvenil de Coia e na Casa da Xuventude con diferentes actividades e, ás 20:30 horas do serán, poderá gozarse no Auditorio Municipal da representación de "Rosalías. Unha vida de luces e sombras" da compañía Teatro Antroido. Ademais, o sábado pola mañá a cidade ofrece un paseo literario pola cidade baixo a denominación de "Vigo da man de Rosalía".
Descargar todas as imaxes