Escoitar

Aberto o prazo para centros educativos do programa "Música coa escola: concertos didácticos das escolas municipais de música"

A concellería de Educación do Concello de Vigo, a través das súas escolas municipais de música, pon en marcha o programa "Música coa escola", co obxecto, un ano máis, de facer partícipes aos centros de ensino de primaria e secundaria da cidade da promoción e desenvolvemento de actividades artísticas e creativas relacionadas coa música.A data tope para presentar solicitudes será o venres 22 de xaneiro de 2016.

xoves, 14 xan 2016
1452778692maxresdefault.jpg
O programa, do que xa teñen coñecemento os centros educativos públicos e concertados da cidade, está dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e de Secundaria e consiste no desenvolvemento de concertos didácticos no Auditorio municipal (en horario de 12,00h a 13,00h) por parte do profesorado das escolas municipais Escola municipal de música de Vigo (EMMV) e Escola municipal de música folk e tradicional (E-TRAD), co seguinte calendario dispoñible (os martes desenvolveranse os concertos da E-TRAD e os mércores os da EMMV):

Xaneiro: Mércores 27
Febreiro: Martes 2 e mércores 24
Marzo: Martes 1, martes 15 e mércores 16
Abril: Mércores 13, martes 26 e mércores 27
Maio: Martes 24

Co fin de facilitar o desprazamento dos escolares, o centro educativo poderá recurrir, se así o considera, aos recursos postos a disposición dos centros pola concellería de Educación do Concello de Vigo mediante o programa municipal VigoEduca, que financia, para cada centro educativo, o transporte en autobús para actividades culturais e educativas.

Así, cada centro educativo de primaria e secundaria da cidade poderá optar a participar neste programa solicitándoo mediante correo electrónico ao enderezo musicanaescola@vigo.org. O número máximo de participantes por centro educativo será de 50 alumnos/as e as datas asignaranse aos centros por rigurosa orde de chegada das solicitudes que se presenten, debidamente cubertas, coa información requerida. A data tope para presentar solicitudes será o venres 22 de xaneiro de 2016.

Unha vez confirmada a súa participación, farase chegar a cada centro educativo a información detallada (a modo de Unidade didáctica) da actividade na que vai participar, para un maior aproveitamento por parte do alumnado asistente e como apoio aos docentes.
Descargar todas as imaxes