Escoitar

O Concello opta a 15 millóns de Europa cun proxecto de desenvolvemento urbano baseado no Vigo Vertical

O alcalde informou este mércores da aprobacion do proxecto EDUSI Vigo Vertical co que a cidade opta á primeira convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado. Para o periodo 2016-2019, Vigo presenta unha proposta marco de 18.750.000 euros, que se sufragaría ao 80% polo FEDER e ao 20% polo Concello de Vigo.

mércores, 13 xan 2016
Abel Caballero explicou que o proxecto presentado por Vigo baséase no denominado Vigo Vertical e procura dar continuidade ao traballo realizado nos últimos anos -como as escaleiras mecánicas da Porta do Sol ou o ascensor de Camelias- para converter á cidade nun entorno "fácil, cómodo, sostible e integrador".

O Concello propón unha estratexia de actuación para 2016-2019 de 18.750.000 euros, que sufragaría Europa nun 80% (15 millóns) e a cidade nun 20% (3.750.000 euros). De ser aprobado o proxecto marco presentado, o Concello seleccionaría posteriormente as operacións concretas a realizar.

Segundo revelou o alcalde, o goberno de Vigo elaborou un documento que estipula como prioridades unha cidade intelixente (que poña en valor o concepto Smart City), integradora (máis sinxela e accesible) e sostible (que fomente e facilite unha mobilidade multimodal, procurando conciliar desenvolvemento e respectuoso co entorno).

O Concello debuxa na súa proposta unha área de actuación para os eventuais proxectos concretos a realizar, delimitada polo polos do Castro, o eixo da Gran Vía, o Casco Vello, a estación do AVE e o entorno do antigo hospital Xeral, con ramificacións a Bouzas e a Teis.

A estratexia municipal pivota sobre distintos obxectivos temáticos. O primeiro sería desenvolver o uso e a calidad das Tecnoloxías da Información e Comunicación e mellorar o acceso ás mesmas. En segundo lugar, o goberno local establece a promoción da economía baixa en carbono, fomentando unha multimodalidade do transporte, unha maior e máis eficiente continuidade urbana e unha mellora na accesibilidade peonil a través dos eixos estruturais chave. Neste punto, o Concello inclúe tamén a potenciación dun uso máis intelixente da enerxía e o impulso da xeración e aproveitamente das renovables no día a día da urbe.

Como terceiro obxectivo temático, a estratexia viguesa estipula a conservación do medioambiente e o impulso da eficiencia nos recursos, que pasaría pola revitalización e revalorización do patrimonio, procurando mellorar a habitabilidade, sostenibilidade e a calidade de vida da cidadanía. Por último, e "parte importantísima desde proxecto", en verbas de Caballero, o cuarto eixo é a mellora da situación socioeconómica e a calidade de vida das persoas, promovendo oportunidades de emprego e garantindo atención sociosanitaria para persoas en risco de exclusión social, xunto á mobilidade para as persoas con necesidades especiais e da poboación en xeral.