Escoitar

O Concello iniciará a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal a próxima semana

O anuncio fíxoo Abel Caballero este xoves logo de reunirse con representantes da CEP, da Cámara de Comercio e do Club Financeiro, así como con responsables da dirección de Citroën, en dous encontros nos que atopou un "consenso xeneralizado" sobre o procedemento a seguir empregando o Plan de 2008 como elemento central do urbanismo vigués.

xoves, 10 dec 2015
1449756162empresarios.JPG
O alcalde continuou esta mañá a rolda de contactos que está mantendo cos diferentes sectores da cidade, recibindo a representantes da CEP, da Cámara de Comercio e do Club Financeiro para abordar o PXOM e a responsables de PSA Peugeot Citroën para analizar como afecta a sentenza do Tribunal Supremo ao plan de expansión da empresa.

Abel Caballero sinalou que "a semana que vén iniciaremos a tramitación do plan; non imos perder nin un día porque sabemos moi ben o plan que Vigo quere" e, malia recoñecer que poden existir algunhas discrepancias en determinados aspectos, apela á conformidade xeral da cidade arredor do plan do 2008 porque "tecnicamente é incuestionable polo conxunto de Vigo". Insistiu na existencia dun "consenso moi xeneralizado na cidade sobre o mecanismo de procedemento. Todos asumimos que hai que empregar o Plan de 2008 como elemento central de todo o desenvolvemento urbanístico da cidade. Haberá que facer as modificacións técnicas da nova lexislación desde ese ano pero este é un tema, en termos de tempo, practicamente insignificante", aínda que a decisión definitiva sobre o proceder municipal non se tomará ata que rematen os encontros que se están celebrando.

En canto á xuntanza mantida con Yann Martin, director do centro PSA Peugeout Citroën, Caballero apuntou que "estamos en condicións de garantir á empresa, coa cooperación da Xunta, a tramitación urxente de tal modo que o seu proxecto non teña nin un só día de atraso; que os tempos previstos para o seu desenvolvemento non se atrasen nin un só día. É o noso compromiso e vontade. Estou seguro que de que a Xunta compartirá con nós, o compromiso e a vontade".

En referencia aos prazos da tramitación do Plan de Ordenación Municipal, o alcalde sinalou que "a economía de Vigo necesita o desenvolvemento do plan e non espera; precísao no tempo máis breve posible. Cremos que coas decisións que imos tomando seremos quen de dar seguridade técnica a toda a economía viguesa porque a xurídica tena toda" e apuntou que Vigo "volve cerrar en bloque o compromiso de levar adiante a cidade. A cidade ten un proxecto en marcha e non vai deixar que nada o pare" amosando a súa satisfacción pola reacción de todos os colectivos da cidade de apoio conxunto ante os efectos negativos da sentenza que "todos queremos acoutar de forma consensuada e, de ser posible, anular".
1449756162empresarios.JPG
1449756171psa.JPG
Descargar todas as imaxes