Escoitar

Caballero pide suprimir o voto rogado: "o dereito de voto non debe ser negociable nin restrinxido"

O alcalde acudiu hoxe martes á Casa Galega da Cultura para participar na inauguración de "Galicia imaxinada nas revistas de emigración", unha exposición que retrata a través de vinte paneis a imaxe que os emigrantes teñen de Galicia. Caballero fixo un chamamento á eliminación do voto rogado por ser unha "enorme dificultade" para que os emigrantes poidan exercer o seu dereito.

martes, 10 nov 2015
1447163627EXPOSICION.jpg
Ante os medios de comunicación, Abel Caballero fixo un chamamento como alcalde reclamando a eliminación do voto rogado da emigración, unha "enorme dificultade" para os emigrantes: "o dereito de voto non debe ser negociable nin restrinxido", aseverou.

O rexedor vigués indicou que a exposición "Galicia imaxinada nas revistas de emigración" reflicte "tantos anos de emigración, fundamentalmente con saída desde a estación marítima de Vigo", que actúa como "recordatorio perenne do papel de Vigo na emigración e polo tanto da nosa vocación de permanecer sempre coma ponte entre Galicia, España e Europa con América". Caballero fixo un recoñecemento á emigración e denunciou que a xente nova teña que saír a traballar ao estranxeiro pola "política económica actual".

A exposición tenta un achegamento a este popular órgano de comunicación que crearon as distintas asociacións da emigración galega, principalmente en América, analizando o seu contexto histórico, as súas tipoloxías, os seus deseños ou os seus contidos e orientacións, etc; dende as primeiras publicacións no século XIX ata os anos posteriores á guerra civil de 1936 que dou lugar á aparición das manifestacións editoriais do exilio.
Descargar todas as imaxes