Escoitar

O goberno local volve ampliar as axudas de emerxencia a familias, que ascenden a case 750.000 euros

Segundo anunciou este martes o alcalde, a Xunta de Goberno Local acordou incrementar de novo a partida para axudas de emerxencia a familias en 70.000 euros para atender a demanda dos que máis o precisan, que se suman aos 200.000 euros xa engadidos nos meses de xullo e agosto aos 445.000 euros que figuran no orzamento municipal para 2015. O total de fondos adicados ao efecto polo Concello de Vigo neste ano elévase a preto de 750.000 euros.

martes, 10 nov 2015
Abel Caballero informou este martes da decisión do goberno de Vigo de volver incrementar, por terceira vez neste ano, os fondos para axudas de emerxencia as familias. Cos 70.000 euros engadidos hoxe, a partida final que destina o Concello ao efecto elévase a preto de 750.000 euros, tras ter incrementado os 445.000 euros iniciais en 200.000 euros en senllos acordos do goberno local de xullo e agosto.

A partida de 2014 tamén tivo que ser aumentada en función da demanda, explicou o rexedor, ano no que o Concello concedeu máis de 3.000 axudas de emerxencia, fundamentalmente para vivenda, alimentación e enerxía. Os fondos para 2015 xa son superiores aos adicados no pasado exercicio.

En declaracións aos medios, o alcalde reiterou que Vigo é a cidade española coa política social máis importante de toda España referíndose a investimentos como os cheques de enerxía, vivenda ou alimentación, as achegas aos comedores sociais, o albergue, as bolsas de comedor, inmersión lingüística, políticas de xuventude e infancia ou Cedro.