Escoitar

O alcalde ve na reunión co conselleiro unha "ocasión perdida" para mellorar a "dramática" situación da sanidade viguesa

Tras a reunión con Vázquez Almuiña deste luns, Caballero valorou o "bo tono" da entrevista mais lamentou que, no tocante á area sanitaria viguesa, "solucións e reformas, cero". O rexedor vigués solicitou melloras no novo hospital -máis camas, máis espazo en Urxencias, un laboratorio central e a gratuidade dos aparcamentos- e tamén na área sanitaria viguesa, como a construción dos centros de saúde comprometidos pola Xunta de Galicia.

luns, 9 nov 2015
1447077765almuina.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantivo este luns unha reunión co novo conselleiro de Sanidade e antigo rexedor de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, unha entrevista que definiu como unha "ocasión perdida" para mellorar a "dramática" situación da sanidade viguesa.

"Bo tono, pero solucións e reformas, cero", asegurou Caballero, quen indicou que a Xunta de Galicia fala mais non actúa para solventar as deficiencias mentres que, pola contra, hoxe mesmo hai operarios traballando no desbroce da parcela municipal anexa ao novo hospital de Vigo onde o Concello de Vigo está a facer un aparcamento gratuíto.

Precisamente a situación dos aparcamentos do Hospital Álvaro Cunqueiro foi debatida na reunión desta mañá. O alcalde de Vigo volveu solicitar a gratuidade dos dous estacionamentos, actualmente con prezos que son unha "estafa" para os usuarios, segundo denunciou. Caballero recordou que o proxecto prevía 4.000 prazas gratuítas e agora existen 3.000 e de pago, valorou calquera rebaixa no prezo das mesmas mais avanzou que non deixará de reclamar a gratuidade das mesmas.

O alcalde vigués reclamou do goberno autonómico o incremento do número de camas para o Hospital Álvaro Cunqueiro, que ten 845 cando se comprometeran 1.465. Caballero cifrou nun millar as camas de diferencia sobre o proxectado tendo en conta que a reordenación da área sanitaria viguesa supuxo eliminar medio centenar de prazas noutros hospitais vigueses. O espazo nas Urxencias do novo hospital tamén foi abordado no encontro bilateral. Caballero valorou como insuficiente o incremento no tamaño deste departamento ao non solventar a conxestión que se produce periodicamente.

Explicou Caballero que tamén solicitou ao conselleiro que o laboratorio de referencia estea localizado no novo hospital e non no Meixoeiro, como ten previsto a Xunta de Galicia, xa que é no HAC onde estarán a maioría dos doentes. O rexedor explicou que non escoitou dos representantes autonómicos argumentos en contra mais a demanda -proposta polos propios profesionais sanitarios- non será atendida por estes.

Ademais do novo hospital, o primeiro edil vigués solicitou tamén á Xunta de Galicia anular a reorganización das poboacións de referencia asignadas a cada área, que supuxo retirar ao CHUVI máis de 300.000 habitantes en favor do complexo de Santiago. Este cambio afecta a servizos como Cirurxía Cardíaca, Hemodinámica, Cirurxía Plástica, Torácica e Pediátrica, Fecundación in Vitro e, máis adiante, a Neurocirurxía. Caballero explicou que os recursos económicos adicados á formación médica para cada especialidade depende da poboación asignada, co que a decisión da Xunta reduce ademais os fondos para a área viguesa.

Centros de saúde
Abel Caballero recordou a Vázquez Almuíña o compromiso adquirido pola Xunta de Galicia para construír na cidade cinco novos centros de saúde, en A Seara, no Calvario, en San Roque, en Balaídos e en Bouzas, sen que ningún se construíra finalmente.

O alcalde singularizou o caso de Bouzas, onde o Concello cedeu o solo para a súa construción no ano 2008 e hoxe, "sete anos despois, (a Xunta afirma que) o seguen a estudar". Caballero ve unha "tomadura de pelo" na cuestión e lamentou non ver "a máis mínima vontade da Xunta" en resolver a situación "dramática" da área sanitaria viguesa.
Descargar todas as imaxes