Escoitar

O Concello programa cinco actuacións nas parroquias co XI Certame de Teatro Afeccionado

Do 8 ao 29 de novembro, o goberno de Vigo e a Agrupación de Centros Deportivos e Culturais organizan a undécima edición dun evento que achega ás parroquias o traballo dos grupos de teatro afeccionado da cidade. Na presentación este vernes do Certame, a concelleira de Festas, Laura Iglesias, salientou o "éxito de público e participación" das distintas edicións celebradas.

venres, 6 nov 2015
1446817084teatro.JPG
A primeira actuación do XI Certame de Teatro Afeccionado correrá a cargo do grupo de teatro Rueiro de Coia e terá lugar no centro Atlántida de Matamá este domingo, 8 de novembro. O seguinte domingo, 15 de novembro, no Helios de Bembrive, será o turno da formación Escoitade de Valadares; e o 22 de novembro, en Cabral, presentará o seu espectáculo o grupo de teatro Atlántida de Matamá.

Segundo explicou Iglesias durante a presentación pública, de cara á ultima fin de semana de novembro, e como peche do Certame, haberá actuacións tanto o sábado coma o domingo. O 28 de novembro actuará en Valadares o grupo Tarandela, de Beade, mentres que o día seguinte, o 29 de novembro, a formación teatral Porta Aberta será a encargada de pechar o evento en Beade.

A edil de Festas subliñou que o goberno local procura con esta cita apoiar tanto ás parroquias como aos centros culturais da cidade. As edicións anteriores, engadiu Iglesias, rexistraron "éxito de público e participación".

En representación da Agrupación, Roberto Giráldez agradeceu a colaboración do Concello no convenio "Vente con Nós", que engloba tanto a celebración do Certame de Teatro Afeccionado como a organización doutras 45 actuacións de folclore na cidade.
Descargar todas as imaxes