Escoitar

O Concello destina 3,4 millóns de euros á axuda no fogar e 1,8 millóns ás bolsas de comedor, libros e material escolar

Abel Caballero informou dos acordos da Xunta de Goberno Local celebrada este mércores na que se aprobou o incremento de 500.000 euros na dotación do servizo de axuda no fogar respecto ao ano pasado. Ademais, o goberno local deu luz verde ás axudas de comedor que benefician a 5.000 nenos e nenas vigueses e que non teñen lista de espera e tamén nomeou seis traballadoras máis para atender a área de benestar.

mércores, 30 set 2015
A Xunta de Goberno local extraordinaria celebrada este mércores deu luz verde á prórroga do contrato do Servizo de Axuda no Fogar cun incremento da dotación de 500.000 euros, o que supón un 14 por cento máis de fondos para este fin. Segundo explicou o rexedor, o Servizo de Axuda no Fogar atenderá 258.000 horas anuais aos vigueses e viguesas que precisan axuda para desenvolver a súa vida cotiá, cando na actualidade atendía durante 220.000 horas ao ano. Así, dixo, "seguimos sendo o concello de España con máis política social cunha asignación anual de 3,4 millóns de euros derivados á atención das persoas no fogar".

A sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local resolveu tamén as axudas municipais de libros, material escolar e bolsas de comedor para o curso 2015-2016 para alumnado de centros públicos e privados concertados de educación infantil, primaria e secundaria por un importe total de 1.200.000 euros. As axudas de comedor van destinadas a 2.261 alumnos cun custo de 1.081.000 euros e as axudas para libros e material escolar benefician a 1.252 nenas e nenos de 3, 4 e 5 anos cun investimento de 119.000 euros. Ademais, o Concello asinou un convenio con Foampas para bolsas de comedor por un importe de 606.000 euros, polo que o presuposto final que o goberno local destina a estas axudas é de 1.800.000 euros. Abel Caballero apuntou que, con esta medida, "exactamente igual que o curso pasado non haberá ningún neno nin nena en lista de espera para bolsas de comedor en Vigo" e engadiu que "seguramente seremos o único que non ten lista de espera nestas axudas. E digo algo máis, a obriga das bolsas de comedor é da Xunta de Galicia, que non as dá e mira para outro lado, por iso o Concello de Vigo cubre este oco. En total, benefícianse 5.000 nenos e nenas".

Ademais, en materia de política social, a Xunta de Goberno Local nomeu a seis diplomadas en Traballo Social que dende hoxe se incorporan ao Servizo de Benestar para atender esta área, sendo custeado o seu labor polo Concello. Unha decisión que o rexedor define como "de grande envergadura" en referencia a que o incremento da atención ao benestar "seguramente non ten precedentes noutras cidades importantes".

Así mesmo, a Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación da concesión de xestión do servizo público do aparcamento da Praza de Portugal, polo que se deu o visto bo ao prego de prescricións técnicas e ao de cláusulas administrativas. Deste xeito, o prazo de licitación abrirá neste mes de outubro e a adxudicación farase no mes de febreiro de 2016. As obras terían que iniciarse como máximo cinco meses despois da adxudicación. O alcalde aludiu á antigüidade das instalacións apuntando que "hai que poñelo en condicións e haberá cambios importantes na concepción do estacionamento e da parte exterior do mesmo", xa que se proxecta poñer unha escalinata que conecte a rúa Uruguay co Praza de Portugal, seguindo coa política de humanizacións na cidade que leva adiante o goberno local.