Escoitar

Caballero garante o apoio permanente do Concello á Semana do Atlántico de vela e di que "é o tempo dos navegantes"

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, manifestou hoxe ás autoridades de Viana do Castelo presentes no Náutico, á directiva do club local e ás institucións e patrocinadores asistentes, o seu respaldo á Semana do Atlántico Cidade de Vigo, o evento máis importante da vela lixeira a nivel nacional e que se desenvolve en Vigo e Viana durante o mes de outubro e o primeiro día de novembro.

martes, 29 set 2015
1443532648nautico.JPG
Caballero transmitiu non só o seu aplauso a esta iniciativa do Real Club Náutico de Vigo, senón tamén o da Diputación, tras falar coa súa presidenta minutos antes: "Querémosvos garantir o noso apoio total en nome do Concello de Vigo e da Diputación", sostivo. E asegurou que será "permanente no tempo". O alcalde dixo que "é o tempo da vela, do mar, do Real Club Náutico de Vigo, o tempo dos navegantes. É o momento de ensinar ao país o que é a Semana, o que é capaz de facer o Náutico".

A XVI Semana do Atlántico Cidade de Vigo-XL Trofeo Martín Barreiro de vela lixeira ocupa nesta edición tres fins de semana. Do 10 ao 12 de outubro Vigo acolle a Copa de España de Vaurien; o 24 e 25 celébranse os open de Snipe, 420 e Láser e a clasificatoria galega de Vaurien, ademais de, ao tempo, a Semana de Viana de Optimist en Viana do Castelo (Portugal), e do 30 de outubro ao 1 de novembro o Meeting Internacional de Optimist e o open da clase cadete na ría viguesa.

A presidenta do Náutico, Viviana García, celebrou a continuidade do acordo co Club de Vela de Viana (CVVC) por segundo ano consecutivo (as dúas regatas de Optimist dan gañador propio pero tamén o campión da Challenge) e asegurou que a Semana é "o evento de eventos máis importante do país".

A Semana do Atlántico move a máis de 700 regatistas e 600 barcos entre Vigo e Viana. En Optmist, ademais de participantes de numerosas comunidades autónomas, xa hai inscricións británica, belga, portuguesa e danesa.
Descargar todas as imaxes