Escoitar

O Concello licita a reforma de Tribuna en Balaídos e prevé iniciar as obras en novembro

O alcalde de Vigo informou este venres da apertura do procedemento de licitación das obras de reforma da cuberta e da bancada de Tribuna-Preferencia, no estadio de Balaídos, na súa segunda fase, por un importe superior aos 5,2 millóns de euros. Caballero estimou que as obras poderán estar en marcha a finais do mes de novembro.

venres, 7 ago 2015
En sesión extraordinaria, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a contratación por procedemento aberto das obras de reforma da cuberta y da bancada de Tribuna, no estadio de Balaídos, por un importe que supera os 5.234.257 euros.

Explicou Caballero que este trámite implica a aprobación dos pregos de condicións e a apertura do procedemento de licitación deste contrato, que presenta un prazo de execución máximo de 12 meses -aínda que o alcalde apuntou que se concluirá nun prazo "máis breve"- e o Concello agarda ter en obras a finais do mes de novembro. Unha vez publicado o acordo no DOG e no BOP ábrese un prazo de 23 días de exposición pública e presentación de ofertas, que serán valoradas para a súa adxudicación provisional e eventualmente, tras 15 días de prazo, adxudicación definitiva e sinatura do contrato.

O alcalde recordou que as obras a executar en Tribuna serán a demolición da cuberta existente e a súa reposición pola nova, o reforzo estrutural dos piares de suxeción da bancada, e a supresión da actual zona porticada lindante coa vía pública, que quedará integrada no estadio grazas á nova cuberta.

Sumando a bancada de Río, Abel Caballero ensalzou que "neste momento xa está en operatividade a reforma de, en termos de aforo, case dous tercios do campo, por un valor aproximado de 11 millóns de euros". O alcalde engadiu que "debo amosar a miña satisfacción, este é un proxecto cidade da maior importancia que está xa lanzado".