Escoitar

O goberno local asfalta 12 viais que estima finalizar a próxima semana

Abel Caballero informou este martes dos traballos de pavimentación que ten en marcha e programados o goberno da cidade para as próximas datas. Unha ducia de rúas están xa a ser asfaltadas ou comezarán en próximas datas: Lepanto, Médico José Mato, Puerto Rico e Padre Feijóo, Progreso, Manolo Martínez, Álvaro Cunqueiro, Cañiza, Buenos Aires, a Avenida de Madrid, Rosalía de Castro e Camelias. O alcalde indicou que a previsión é concluir as obras entre esta e a vindeira semana.

martes, 12 mai 2015
Segundo detallou o alcalde de Vigo, xa están en marcha os asfaltados da rúa Lepanto (que concluirá entre mañá e o xoves), Médico José Mato (que finaliza hoxe martes a obra), Progreso (que finalizará entre mañá e o xoves) e os carrís exteriores da Avenida de Madrid (rematado este venres ou o sábado).

Caballero informou que outros asfaltados teñen programado o seu comezo en próximas datas. Son as melloras de Puerto Rico e Padre Feijóo (que dará comezo o venres para rematar entre o martes e o mércores da próxima semana), Manolo Martínez (que arranca o martes ou mércores da vindeira semana, cun prazo de dous días de obra), Álvaro Cunqueiro (iníciase o luns e concluirá o próximo mércores), Cañiza (posiblemente comece tamén a próxima semana, pendente da sinatura do contrato) e Buenos Aires (que se asfaltará entre o xoves, venres e sábado desta semana).

Ademais, o goberno de Vigo ten previsto pavimentar esta mesma semana dúas das grandes humanizacións actualmente en obras na cidade, Rosalía de Castro e a terceira fase da Avenida das Camelias. No primeiro caso, a previsión é asfaltar durante os días xoves, venres e sábado, mentres que, no segundo, se empezará a mellora o venres para rematala o luns da vindeira semana.