Escoitar

Aumenta a utilización do billete de transferencia

venres, 31 xan 2003
O billete de transferencia é cada día máis utilizado polos usuarios do autobús urbano en Vigo. O número de viaxes gratuitas que se realizan cada mes coa Tarxeta Verde de Transporte implantada polo goberno municipal supera as 55.000. Esta cifra é máis do dobre da que se rexistraba en marzo do pasado ano, momento no que se puxo en marcha o billete de transferencia.

Tamén segue a medrar a difusión da Tarxeta Verde. A finais de ano estaban activadas 108.900 unidades, beneficiándose das subvencións municipais ao transporte público. O 67% das viaxes páganse coa tarxeta verde, polo que gozan dalgún dos descontos establecidos sobre o prezo ordinario do billete.

Por outra parte, Vigo consolida a liña de aumento de viaxeiros principiada a comezos do ano 2.000, en contraste coa evolución seguida no conxunto do estado, onde durante o ano pasado a cifra de usuarios do transporte público urbano descendeu un 3%. Na actualidade, en Vigo fanse 19 millóns e medio de viaxes en autobús cada ano. Isto supón un aumento de medio millón sobre o ano 1999.

O concelleiro de Tráfico e Transportes, Xoaquín de Acosta, atribúe este crecemento ás medidas introducidas para mellorar o servicio, como a universalización do bono bus, a creación do billete de transferencia, a creación de novos carrís bus ou a modernización da flota de vehículos. De Acosta pensa que o remate do proceso de remodelación das liñas permitirá manter nos próximos meses a tendencia de incremento de usuario do servicio de transporte público vigués.