Escoitar

O campo de fútbol 7 e a pista multiusos inaugurarán "en marzo ou abril" o complexo deportivo do Concello en Navia

O resto do recinto deportivo abrirá no verán, segundo detallou este luns Abel Caballero tras unha visita aos traballos de construción do complexo. O Concello inviste case 9 millóns de euros e, xunto ao emprego da obra, xerará entre 30 e 50 postos de traballo cando entre en funcionamento. Engadido ao campo de fútbol 11 e o pavillón polideportivo, "o complexo deportivo de Navia será o máis importante de España", afirmou o alcalde.

luns, 16 feb 2015
1424092325navia.JPG
Cun orzamento de preto de 9 millóns de euros, as obras do futuro complexo deportivo de Navia avanzan. Segundo asegurou o rexedor durante unha visita que realizou esta mañá, acompañado pola tenente de alcalde, Carmela Silva, e os concelleiros de Fomento e Deportes, David Regades e Manel Fernández, respectivamente, a súa apertura será escalonada, comezando "en marzo ou abril" coa pista multiusos e o campo de fútbol 7, que serán "de libre acceso" para toda a cidadanía, e continuará coa inauguración do resto do complexo no verán.

Trátase dun "complexo deportivo excepcional" que dará traballo a entre 30 a 50 profesionais unha vez comece, ademais dos "centos de empregos" xerados actualmente no proceso de construción. Caballero afirmou que "o complexo deportivo de Navia será o máis importante de España" ao contar co novo recinto en obras, o campo de fútbol 11 e un pavillón polideportivo.

Vigo contará polo tanto cunha nova dotación deportiva que incluirá 8 pistas de pádel cubertas, unha pista multiusos, un campo de fútbol 7, 4 salas de actividades, unha sala "fitness", unha piscina de 25x12.5 metros, outra de aprendizaxe e unha de tratamento con chorros. Ademais, inclúe un acceso peonill ao centro deportivo polo lado norte, cunha grande plaza que unificará os accesos ao pavillón polideportivo e ó campo de fútbol. Contará con 2 aparcamentos, con 266 prazas, e zonas verdes.
Descargar todas as imaxes