Escoitar

Caballero di que a gala das Carreiras Populares será unha "homenaxe ao atletismo vigués" e o Circuíto manterá as mesmas probas en 2015

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou hoxe a entrega de premios do 6º Circuíto Cidade de Vigo de carreiras populares, que terá lugar o vindeiro día 20, martes, no auditorio municipal por terceira gala consecutiva.

xoves, 15 xan 2015
1421338134carreras.JPG
Xunto co concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e unha representación dos organizadores de carreiras sobre asfalto (Javier Rial pola UVigo, Guillermo Janeiro por RP3 e Javier Álvarez Salgado pola Media Maratón), Caballero tamén desvelou a imaxe do circuíto 2015 ("Nin un paso atrás", o lema), que xa é visible en diversos puntos da cidade.

O xefe do goberno vigués, ademais, anunciou que a entrega de premios será "unha gran convención" do atletismo local porque dentro dese acto de premiar a todos os podios masculinos e femininos do circuíto se aposta desde o Concello por "render unha homenaxe ao atletismo vigués, que é un gran motor do atletismo de Galicia e en España, e posúe unha gran tradición na cidade de Vigo".

Caballero dixo que o circuíto manterá por segundo ano consecutivo as dez carreiras de 2014 (Correndo por Vigo, Media Maratón Vig-Bay, 10 km Cidade Universitaria, Media Maratón de Vigo, Nocturna de San Xoán, Xornadas Marisqueiras do Berbés, 10K Praia de Samil, Vigo 11, Subida ao Castro e Gran Premio Pedestre de Nadal). Con todo, non desvelou as varias sorpresas previstas para a gala do día 20, na que ademais se anunciarán algunhas interesantes novidades do reglamento da sétima edición deste circuíto.

O rexedor foi moi claro sobre o seu respecto a este deporte olímpico: "Que vou dicir eu do atletismo con Álvarez Salgado ao meu lado. Sempre conto que estaba a estudar en Inglaterra, e na universidade, vendo a televisión lonxe de Vigo, seguía a Salgado correndo nuns Xogos Olímpicos. Era a gran sensación. Estudando alí con vinte e poucos anos, víao e dicía: é da miña cidade. Daquela época a hoxe, cantos campións saíron".

A entrega do martes suporá recoñecer a un total de trinta deportistas, ao premiarse aos tres primeiros de cada categoría. O Concello aporta 9.200 euros en premios en metálico: ningunha proba do circuíto acada esa cifra. Sandra Mosquera e Daniel Bargiela foron os gañadores da principal categoría, a promesa-senior, aínda que tamén o circuíto premiará outras catro categorías (35, 40, 50 e 60 anos). Como o ano pasado, "no acto estará todo o atletismo da cidade".

Na súa comparecencia diante dos medios de comunicación, o alcalde amosouse satisfeito polas cifras de participación de 2014. 7.000 atletas inscribíronse neste circuíto, un récord, "dos que 3.000 teñen máis de 40 anos, un milleiro máis de 50 e 160 máis de 60", o que indica que estas dez carreiras populares son unha excelente forma de promoción do deporte saudable. Iso supuxo máis de 15.000 participantes nestas carreiras urbanas que incluíron dúas medias maratones. Este ano queremos pasar dos 7.000 aos dez mil", asegurou como gran obxectivo. Ademais, o Concello cifra en 50.000 os participantes nas 34 carreiras en vía pública que se celebraron no municipio durante o pasado ano, tamén unha cifra histórica.

O propio alcalde tamén demostrou o tirón do "running" e do deporte saudable ao confesar que nalgunha carreira "vou dar uns pasiños. Estou adestrándome nunha cinta, facendo 6 quilómetros cun 6% de pendente". E insistiu en que "o noso obxectivo é que o atletismo siga marchando ben en Vigo, ocupando o seu sitio".

Os organizadores de carreiras tamén promocionaron o circuíto. Para Álvarez Salgado (10K Praia de Samil e Media Maratón de Vigo) "as carreiras populares son unha actividade extraordinaria para a participación de quen quere facer deporte e non atopa un lugar. Os datos de participación son impresionantes. Cada día incorpórase máis xente a camiñar e a correr e o Circuíto está ben deseñado e promocionado".

Javier Rial (10Km Cidade Universitaria) afirmou que "o importante é que o running leva á xente a un estilo de vida máis activo e regular. Máis aló de atletas somos xente que coida a súa forma de vida, e este circuíto serve para fidelizar ao deportista".

Guillermo Janeiro (Subida ao Castro) pechou a rolda de intervencións concluíndo que este circuíto "axuda a facer cidade, a sentirnos orgullosos de Vigo e imos cada domingo a correr aos puntos onde se nos convoca".
Descargar todas as imaxes