Escoitar

O goberno local mantén as zonas axardinadas para o Nadal no centro da cidade

O Concello de Vigo decidiu conservar o axardinamento instalado no centro da cidade por mor do Nadal. Abel Caballero explicou este luns que permanecen as zonas verdes da farola de Urzáiz, das inmediacións do MARCO e da Portal do Sol, onde haberá olivos no lugar dos abetos. Parte do alumeado seguirá instalado ata o Entroido.

luns, 12 xan 2015
O rexedor vigués informou esta mañá da decisión municipal de manter o verde instalado no centro da cidade para as festas de Nadal. Trátase das zonas axardinadas da Porta do Sol (con olivos en lugar de abetos), da farola de Urzáiz e das inmediacións do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, na rúa do Príncipe, incluíndo as esferas da entrada ao centro, que cambiarán a súa decoración segundo a época. Caballero avanzou a instalación de bancos en Príncipe (cunha gran demanda) e un olivo nas inmediacións da Colexiata do Casco Vello.

Por outra banda, o goberno de Vigo tamén decidiu conservar a instalación do alumeado no traxecto entre a rotonda de Isaac Peral e a Porta do Sol, o percorrido da comparsa do Entroido, xunto aos denominados "paraugas" de luz nas prazas do Casco Vello e na propia farola de Urzáiz.

Abel Caballero indicou que o pequeno e mediano comercio é o principal "obxectivo" da campaña de Nadal do Concello, e funcionou "ben cun gasto moi menor", cun consumo de enerxía un 30% inferior ao de hai tres anos.