Escoitar

Aprobados os orzamentos que culminarán obras do Goberno municipal

martes, 14 xan 2003
imx2219.jpg
Sesión plenaria
O Pleno da Corporación municipal aprobou os presupostos totais para o 2003 cunha contía de 170.157.443 euros. Céntranse en completar a rede de saneamento do rural, en continuar cos proxectos de rexeneración do litoral, en rematar a construcción das grandes dotacións culturais e en avanzar no proceso de humanización das rúas da cidade.

O Concello completará este ano o saneamento da meirande parte das parroquias do municipio executando obras en Alcabre, Castrelos, Sárdoma, Cabral, Saiáns, Lavadores e Navia. Para iso investiranse neste ano 3.070.240 euros do orzamento municipal.

En canto á rexeneración do litoral están previstas actuacións de rexeneración de diversas praias, así como o acondicionamento do contorno das praias de Alcabre e o remate do paseo da Xunqueira do Lagares.

O xacemento arqueolóxico situado a carón da praia do Vao convertirase nun recinto mudeográfico. O proxecto incluirá a construcción dunha plataforma elevada que permita visitar os restos arqueolóxicos e a creación dun edificio de 600 m2 no que se situará o centro de interpretación do xacemento. Este inmoble estará unido a unha cafetería de 250 m2. O proxecto incluirá tamén o peche perimetral de todo o recinto. En 2003 investiranse neste proxecto 558.847 euros do presuposto municipal.

Trala adquisición dos terreos e a demolición do antigo cuartel de Barreiro, procederase á urbanización da finca, acondicionamento das zonas verdes e construcción dun xeriátrico. No 2003 o Concello investirá 833.928 euros.

O polideportivo de Bouzas será unha instalación cuberta que albergará unha pista de 27x47 m., medidas que permiten utilizar, á parte da pista central, tres campos de baloncesto perpendiculares. O edificio acollerá tamén un pequeno ximnasio, seis vestiarios para xogadores e dous para árbitros. Disporá de calefacción. A súa capacidade será de 300 persoas. Unha das características máis destacables deste polideportivo é o gran ventanal que permite contemplar desde o interior o Barrio Histórico de Bouzas e posibilita a entrada de luz natural. O investimento municipal para a conclusión desta obra é de 781.316 euros.

Destinaranse 3.114.790 euros ao acondicionamento de rúas, 870.017 euros á humanización do Calvario e 357.407 euros á humanización do contorno do Museo de Arte Contemporánea e revitalización das áreas comerciais.

Completaranse as dotacións do centro cultural e auditorio de Teis cunha partida municipal de 575.942 euros e construirase o centro sociocultural de Saiáns cunha dotación de 397.819 euros. En Teis ademáis construirase unha pista polideportiva cuberta e ao seu carón unha zona de xogos para nenos e nenas e unha zona de barbacoas para futuras celebracións ó aire libre, servicios e vestiarios.

O centro previsto en Saiáns disporá de centro de atención á primeira infancia, un centro de día para persoas maiores e unha biblioteca. Reordenarase a zona exterior próxima ó edificio, coa plantación de arborado e co reordenamento dos niveis do terreo para garantir un acceso axeitado ao inmoble.

Neste ano está prevista a apertura da Casa das Palabras, que rematará de construirse cun orzamento de 1.954.865 euros. As obras consisten na creación dun centro dotacional de carácter expositivo, recreativo e didáctico sobre as palabras, idiomas, libros, escritores e falantes. Será un espacio, localizado en Samil, no que os visitantes coñecerán ”as palabras” como unha fonte inesgotable de sorpresas a través de soportes audiovisuais, paneis e cadros interactivos e salas de exhibición, audición e proxección.

O Museo de Arte Contemporánea leva unha partida de 901.518 euros destinados, en cálculos porcentuais, a gastos de programación e actividades, estructura e persoal.

O Concello adquirirá, por 600.000 euros, un coche escaleira de bombeiros, modernizando desa maneira os medios técnicos cos que actualmente conta o servicio municipal de extinción de incendios.

O investimento de 98.425 euros na mellora de alumeado nos barrios consistirá en corrixir as caídas de tensión orixinadas nas liñas de abastecemento do alumeado público e na mellora dos niveis de iluminación. As parroquias nas que se realizarán obras de mellora do alumeado público son Valadares, Bembrive, Coruxo, Matamá e Candeán.

Outras partidas importantes son os programas de fomento do emprego, que disporán de 2.403.133 euros, as subvencións do transporte público que lles permiten a reducción de prezos aos usuarios da tarxeta verde e do billete de transferencia, con 4.808.096 euros, ou as melloras en centros educativos públicos, con 1.033.845 euros.
Descargar todas as imaxes