Escoitar

Urbanismo tramita a execución de obras no aeroporto por valor de case 1,6 millóns de euros

O alcalde informou hoxe venres do informe emitido pola Xerencia municipal de Urbanismo relativo a dous proxectos de obras de AENA en Peinador, actuacións no campo de voo e a adecuación da franxa noroeste do aeroporto. Os técnicos sinalan que os traballos non significan incremento de volume, edificabilidade ou altura.

venres, 26 set 2014
O informe municipal fai referencia a un proxecto de actuacións no campo de voo (para adaptar as instalacións do localizador ILS 20 á normativa actual, cun orzamento de preto dun millón de euros) e a outro proxecto de adecuación da franxa noroeste do aeroporto, para eliminar obstáculos nas áreas de operacións, cun importe de 600.000 euros.

O escrito dos técnicos municipais sinala que as obras proxectadas polo ente estatal se encadran nos traballos de mantemento e non significan aumento de volume, edificabilidade ou altura. Estas melloras non están sometidas ao control preventivo municipal ao tratarse de obras públicas de interese xeral.

Ante os medios de comunicación, e en relación ao Consello da Xerencia municipal de Urbanismo deste venres, o alcalde de Vigo informou da concesión de 3 licenzas de obra, 2 de actividade e unha prórroga para un investimento total próximo aos 600.000 euros.