Escoitar

O concelleiro de Emprego inaugura as obras do PROMIL no centro infantil de educación especial ”Hoy por Mañana”

xoves, 10 out 2002
O concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Delfín Fernández Álvarez, inaugurou as obras que os traballadores do Plan Municipal de Integración Laboral (PROMIL) realizaron no Centro infantil de educación especial “Hoy por mañana”, na rúa Sagunto. Durante o acto descubriuse unha placa dedicada ó traballo do PROMIL.

As obras consistiron, entre outras, na construcción dunha rampa de formigón cunha superficie ampla para facilitar o acceso, tanto peonil como de tráfico rodado, ó centro educativo e dunha beirarrúa cunha lonxitude de 15 m. ó redor da escola. Tamén fixeron a canalización para a recollida de pluviais e remataron os muros da planta baixa, co conseguinte revestimento e pintado dos mesmos. Os traballadores do PROMIL investiron tres semanas nestas obras, nas que tamén destaca o axardinamento dun espacio verde cunha superficie de 500 m2.

Co desenvolvemento desta obra cúmprese co obxectivo de interese social, ó ser un centro de educación infantil da Asociación de pais e amigos de nenos con parálise cerebral “Hoy por Mañana” e, polo tanto, que atende a un colectivo importante de discapacitados. Como é habitual nas obras do PROMIL, a man de obra, a dirección técnica e as ferramentas dependen deste programa de emprego, subministrando os materiais, neste caso, o departamento de Vías e Obras.

O PROMIL é unha das principais ferramentas do Plan Municipal de Emprego 2000-2003 para facilitar a inserción laboral dos desempregados de longa duración con especiais dificultades de integración no mercado de traballo. Con este proxecto, pioneiro en Galicia, ó mesmo tempo que se lles ofrece ós seus beneficiarios un traballo e un salario dignos coa formación complementaria necesaria para mellorar significativamente a súa situación, inténtase acadar un servicio de verdadeiro interese e utilidade para ós vigueses, como é o da realización de determinadas obras necesarias para a mellora do seu medio urbano e rural.