Escoitar
A concelleira de Turismo pide á Xunta que as instalacións sexan situadas nas dependencias baleiras da Consellería de Pesca

Turismo reclama a localización do Padroado do Parque Nacional Illas Atlánticas no Barrio Histórico

mércores, 9 out 2002
A concelleira de Turismo, Lilian Álvarez, remitiu unha carta ó conselleiro de Medio Ambiente, Carlos Del Álamo, na que reclama a localización do Padroado do Parque Nacional das Illas Atlánticas nas dependencia baleiras da Consellería de Pesca, no Barrio Histórico de Vigo. A concelleira considera que esta localización servirá ademais para dinamizar unha zona emblemática da cidade.

Lilian Álvarez considera que a intención do conselleiro de excluír explicitamente a Vigo como sede da oficina do Parque Nacional Illas Atlánticas defrauda as xustas aspiracións de Vigo, xa que as Illas Cíes, asentadas neste termo municipal, son a alma do parque.

A concelleira asegura que as reivindicación de Vigo como sede do padroado nada ten que ver con localismo, senón coa necesidade de pór en valor a riqueza natural das Illas Cíes e o seu poder de atracción turística.

Lilian Álvarez, na súa misiva ó conselleiro de Medio Ambiente, deixa aberta a porta ó diálogo e á colaboración entre ambas institucións para desenvolver o Parque Nacional, a fin de que se convirta en referente de turismo sostible dentro e fóra de Galicia.