Escoitar

Ponse en marcha o novo sistema de recollida de lixo

martes, 8 out 2002
O alcalde, Lois Castrillo, asistiu a unha demostración do novo sistema de recollida de lixo que se está a implantar en Vigo. Os novos colectores que se están a colocar na cidade son recollidos automaticamente polos camións sen necesidade de que os operarios os descarguen manualmente. Castrillo explicou que o plan de limpeza se fará visible rapidamente na cidade coa instalación dos novos colectores de lixo, xa que simultaneamente entra en funcionamento unha estación automatizada de lavado intensivo de colectores e papeleiras e esténdese a recollida tódolos días da semana, incluídos os domingos.

Outras das novidades son a colocación dos colectores en puntos fixos que evitan que sexan desprazados e a diminución dos ruídos coa implantación de sistemas que se adaptan á norma europea dos niveis acústicos.

Xa se colocaron máis de 100 colectores de gran capacidade e no prazo de dous meses se completará a instalación dos restantes. O luns 7 de outubro comezaron a instalarse as papeleiras, que serán de cinco modelos diferentes. O plan establece unha reducción de colectores pasando de 12.139 a 4.878, pero con maior capacidade de entre 240 a 2.966 litros. O número de papeleiras aumentará pasando de 4.000 unidades a 4.200.

O aumento do cadro de persoal de 26 a 34 traballadores e o incremento de vehículos de 9 a 19 unidades serán outros dos elementos que redundarán na mellora da limpeza da cidade.

Entre as novidades do servicio que porá en marcha a empresa adxudicataria figura un sistema de navegación GPS para control de vehículos que estarán localizados en todo momento e a incorporación de chips de control en colectores e papeleiras para coñecer o estado dos mesmos. Ademais, prevese a renovación de vehículos ao oitavo ano de contrato.

O alcalde visitou tamén as obras que se executan na rúa Manuel de Castro, onde se está a ampliar a mediana a dous metros de ancho, se vai instalar un novo alumeado público e se van plantar arces e especies arbustivas. O obxectivo é o de mellorar esteticamente unha rúa significativa da cidade, un dos principais accesos ao campo de fútbol de Balaídos.