Escoitar

O Concello promove unha "quedada literaria" en Castrelos de 500 alumnos de Infantil a Bacharelato

A edil de Normalización Lingüística, Isaura Abelairas, presentou este mércores as actividades a desenvolver en próximas datas desde este departamento. 500 alumnos, de Infantil a Bacharelato, citaranse en Castrelos na mañá do 15 de maio nun "intercambio de experiencias de cara á lectura", como peche dos obradoiros literarios que promove o Concello nos centros escolares durante o curso.

mércores, 7 mai 2014
1399464079isaura.JPG
Abelairas salientou que o goberno de Vigo, a través de Normalización, realiza en cada trimestre sobre 200 actividades, coordinadas polo Concello en colaboración con numerosas entidades de carácter cultural, veciñal e educativo, como os colexios de primaria, secundaria e mesmo a Universidade.

A concelleira salientou, entre as propostas que están a ultimar, a "quedada literaria", un fin de festa dos obradoiros que se realizan ao longo do curso nos colexios e que reunirá no parque de Castrelos a 500 alumnos e 8 centros escolares para lectura e contacontos, un "intercambio de experiencias de cara á lectura" na mañá do próximo xoves, 15 de maio, que concluirá coa posta en común das lecturas, conducida por Uxía Blanco.

Tamén no mes de maio terá lugar o tradicional Correlingua, o próximo venres día 9 deste mes, e o 29 de maio, en colaboración cos colexios da zona e a asociación veciñal Novo Vigo de Navia, o goberno local prepara unha acción con escolares que irán colocando carteis coa toponimia actual e pasada das distintas zonas de Teixugueiras.

Entre as propostas en marcha, a socialista fixo fincapé nas Bibliotecas Vivintes, "unha forma máis de animar á lectura" ao público infantil consistente en que unha persoa -participaron algúns xogadores do Real Club Celta- representa no Verbum un libro, dándolle lectura e facendo seus os personaxes para que os rapaces poidan preguntarlles como lle cuestionarían ao propio libro.

No marco do Centro de Interpretación da Oralidade, a concelleira informou da organización na época estival, e en colaboración co Parque Nacional das Illas Atlánticas, dun "verán regueifeiro", con conferencias, actividades e xogos nas illas Cíes. Tamén a cargo do alumnado do nomeado Centro, o Concello traballa nun fin de festa na Praza da Constitución, o 30 de maio, con regueifas e improvisación oral.
Descargar todas as imaxes