Escoitar

O goberno de Vigo aproba as condicións da poxa das vivendas de República Arxentina

Abel Caballero informou da aprobación, na Xerencia de Urbanismo deste xoves, do expediente e do prego de condicións económico-administrativas para a poxa das 40 vivendas municipais de República Arxentina coas que se financiará a expropiación dos terreos da Cidade da Xustiza. Os prezos oscilan entre os 120.000 e os 204.000 euros.

xoves, 27 mar 2014
O Concello aprobou o expediente e validou as condicións para a poxa das 40 vivendas municipais de República Arxentina 12 e 14, con cuxos réditos o goberno local expropiará os terreos para construir a Cidade da Xustiza.

Segundo explicou Caballero, o prazo de presentación das ofertas para a adquisición dalgunha propiedade comezarán o día seguinte da publicación dos acordos -validados hoxe- no BOP e no DOG, aberto durante 45 dias naturais.

As vivendas sairán á venda cun prezo que oscila entre os 120.490 e os 204.595 euros, sen incluir os impostos que graven a transmisión que deberán ser satisfeitos polos solicitantes que resulten adxudicatarios. Con dous e tres habitacións, baño e aseo, sen garaxe nin rocho, as superficies dos pisos van desde os 76 aos 120 m2. Durante a rolda de prensa, lembrou que estes inmobles pertenecen ao Concello desde 1994 pero non foron escriturados ata o ano pasado e "alcaldes e alcaldesas anteriores deberán explicar porque non o fixeron".