Escoitar

Vigo incorpora un autobús urbano híbrido e sumará dez no prazo dun ano

O novo vehículo presta servizo desde hoxe martes na liña Circular a modo de proba. O alcalde salientou as vantaxes medioambientais do híbrido -o aforro no consumo de combustible e a reducción das emisións de CO2- e avanzou que o transporte urbano vigués incorporará dez á súa flota de autobuses no prazo dun ano.

martes, 18 mar 2014
1395147492vitrasa.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Fomento, David Regades, participaron este martes na Porta do Sol na presentación, xunto ao director xeral de VITRASA, Juan Carlos Villarino, do novo autobús híbrido do transporte urbano vigués que percorre desde hoxe a liña Circular, en periodo de proba.

Segundo explicou ante os medios, a próxima ampliación de flota de VITRASA sumará novos vehículos híbridos, dez no prazo dun ano, segundo desvelou Caballero, autobuses que combinan motores diésel e eléctrico, conseguindo un aforro de ata un 30% no consumo de combustible, menor contaminación acústica e unha reducción das emisións de CO2 ata os 56 gramos por persoa e quilómetro -un bus tradicional emite 75 e un coche de gama media, 178 gramos-. O alcalde afirmou que a presenza do híbrido "significa sostenibilidade na cidade, a modernidade e o aforro enerxético, da loita contra o cambio climático" e asegurou que os vehículos do transporte urbano vigués presentan en xeral unha "calidade excepcional".

O sistema de propulsión híbrida deste modelo funciona recuperando a enerxía de frenado. Esta almacénase de maneira temporal e pode reutilizarse, por exemplo, para o proceso de arranque. Ademais, dispón dun sistema start and stop, arranque/parada, de xeito que o motor diésel se apaga automaticamente –por exemplo nos semáforos- e, se é preciso, arranca de novo de forma automática.
Descargar todas as imaxes