Escoitar

Xornada sobre o uso das novas tecnoloxías como fomento da participación cidadá

xoves, 12 dec 2002
A Concellería de Participación Cidadá organiza unha xornada de análise do uso das novas tecnoloxías como fomento da interacción dos colectivos na que participarán profesionais de institucións, empresas e fundacións co fin de ofrecer a experiencia doutras administracións na aplicación das novas tecnoloxías cun enfoque asociativo.

”O uso das novas tecnoloxías como fomento da participación cidadá” é o título da xornada que se celebrará o venres 13 de decembro na aula sociocultural de Caixa Galicia. A entrada é libre ata completar o aforo.

A concelleira de Participación Cidadá, Mariló Cabaleiro, inaugurará o acto ás 10:00 para darlle paso ao director de integración de sistemas e e-government Fujitsu España, Fernando López Anguita, que falará do proxecto Cidades Dixitais, concibido como a oferta da sociedade da información para todos.

O xefe do Servicio de Atención Cidadá, Francisco G. Orúe, exporá o portal de Participación Cidadá do Concello de Vigo. O portal dos concellos de Galicia será o tema do relatorio do director xeral de Organización e Sistemas Informáticos, Álvaro Rodríguez Carballo.

Seguirán a presidenta da Fundación Futura Local, Pilar Blasco Prim, para tratar a democracia participativa e o xefe de Recursos Humanos do Concello de Castelldefels, Ramón Figuera Briá, que falará sobre a mellora do servicio de atención á cidadanía aproveitando o uso intensivo das tecnoloxías da información e a comunicación.

Celebrarase ademais unha mesa de experiencias na que participarán Álvaro Rodríguez Carballo, Pilar Blasco Prim e Ramón Figuera Briá.

Con esta xornada preténdense coñecer as experiencias desenvolvidas noutras administracións e as propostas de empresas de desenvolvemento e asesoría que sirvan para ofrecerlle un mellor servicio á cidadanía.