Caballero constata "un consenso xeralizado" na necesidade de defender o aeroporto de Vigo
O alcalde avanzou hoxe xoves a "coincidencia central en todos os colectivos da cidade" na necesidade de defender o aeroporto de Vigo. Así o trasladou aos medios logo de manter sendas reunións con representantes de varios colectivos empresarias ademais dos responsables comarcais das tres centrais sindicais.
Un "consenso xeralizado" na protección da terminal viguesa é a conclusión avanzou o rexedor logo de manter sendas reunións con distintos colectivos para analizar a situación do aeroporto de Peinador. O primeiro dos encontros foi cos responsables das asociacións empresariais Apec, Instalectra, Foncalor e Faimevi, para reunirse despois cos líderes comarcais de CIC, CCOO e UXT. Tal e como trasladou o rexedor en rolda de prensa, destes contactos despréndese "a coincidencia central" en todos os colectivos da cidade na necesidade de defender a terminal de Vigo da competencia desleal que se lle está a facer desde distintas administracións e, singularmente, desde a Xunta de Galicia. Cualificou a situación de Peinador como "un escándalo" e augurou a presenza de todo Vigo na concentración prevista o día 19 de xuño na Porta do Sol.