Escoitar

Inauguración da exposición ‘PATRICIA ESQUIVIAS. Todas as tradicións son inventadas’ no MARCO

O venres, día 24 de maio, ás 20,00 h, inaugurarase na sala do primeiro andar do MARCO (Príncipe, 54) a exposición ‘PATRICIA ESQUIVIAS. Todas as tradicións son inventadas’, comisariada por Agar Ledo Arias. A exposición de Patricia Esquivias (Caracas, Venezuela, 1979) leva por título unha frase derivada dun dos máis influintes ensaios do historiador marxista Eric Hobsbawm, no que describe a orixe recente de moitas tradicións que permanecen na sociedade e que, non obstante, son produto da invención. A súa orixe pode ser máis ou menos rastrexable, pero todas teñen en común a súa relación co pasado e coa historia, o elemento lexitimador.

xoves, 23 mai 2013
1369304244patriciaesquivias.jpg
Patricia Esquivias
Na súa proposta para o MARCO, Patricia Esquivias presenta unha selección de obras —Folklore (I-IV), The Future Was When? e 111-119 Generalísimo/Castellana— que utilizan a historia como ferramenta para interpretala, deslexitimala ou para ficcionala, sen vontade de veracidade. Son pezas que abordan o tránsito do pasado ao presente, ou articulan narracións a partir de experiencias persoais e acontecementos históricos ou culturais, cuestionando os argumentos oficiais e as canles hexemónicas de transmisión do coñecemento.

As obras de Esquivias adquiren, nas súas sucesivas formalizacións, novas lecturas. Todas elas parten do encontro entre elementos que a artista vincula entre si, concatenando aspectos biográficos, recordos, invencións e material de arquivo nun proceso performativo e procesual, derivado das intervencións da propia artista como narradora nos seus vídeos, que agrupa en series e expande a outros formatos coa intención de revisar, unha e outra vez, os aspectos ocultos ou silenciados dos relatos e as contradicións ou a pluralidade de significados que xeran.

A exposición estará aberta até o 1 de setembro.
Descargar todas as imaxes