Escoitar
Biblioteca da EMAO, venres 10 de maio ás 19:00 horas

Conferencia "O contexto artístico de Emilio Fernández Rodal" na Escola de Artes e Oficios de Vigo

Dentro das actividades complementarias da Exposición Emilio Fernández Rodal (1912-1972). Retrato de Sociedade dun artista vigués, que se exhibe, ata o día 6 de xuño, na sala de exposicións (Espazo EMAO) da Escola de Artes e Oficios de Vigo, Beatriz De San Ildefonso, conservadora da Museo de Pontevedra e especialista en pintura galega contemporánea, impartirá a conferencia titulada "O contexto artístico de Emilio Fernández Rodal: as claves da súa pintura". O acto terá lugar na Biblioteca da Escola de Artes o venres 10 de maio ás 19:00 horas, con entrada libre ata completar o aforo.<br />

xoves, 9 mai 2013
1368095854cartelrodaldefgrande.jpg
Sobre a exposición:
Esta é a primeira exposición retrospectiva que se lle realiza a Emilio Fernández Rodal en Vigo desde o seu finamento no ano 1972. A Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo quere homenaxear así a creación artística dun notable retratista que iniciou a súa vocación nas aulas desta Escola e que non dubidou en devolverlle parte da súa inspiración, impartindo clases de debuxo e pintura ou recuperando, trinta anos despois, o Certame de artistas noveis neste mesmo centro.
Na mostra exhíbense case medio centenar de obras pictóricas do autor e imaxes e documentación que ilustran o contexto social e cultural da súa creación e da súa época.

Fernández Rodal naceu en Cangas, e trasládase coa súa familia a Vigo con trece anos por mor do nomeamento do seu pai como director das Escolas Nieto. Na adolescencia, con catorce anos, comeza os seus estudos artísticos na Escola de Artes e Oficios de Vigo baixo a titoría do profesor de debuxo Maximiliano Vidales.

Pronto comezou a desenvolver as súas inquietudes artísticas colaborando co grupo formado ao redor do I Salón de Primavera de Vigo e a concesión da primeira bolsa de estudos outorgada pola Deputación de Pontevedra con 19 anos. Tras unha primeira etapa de formación na Escola de Belas Artes de Madrid, retornou a Vigo e comezou a desenvolver a súa carreira artística coa primeira exposición individual no ano 1932.

O servizo militar en África nos anos 1933-34 e o comezo dos seus estudos de Maxisterio traerían un período de certa inactividade pictórica que se acentuaría co período de preparación da oposición para o corpo de Maxisterio e o estalido da Guerra Civil. Tras o parón da contenda militar consegue a praza de Bibliotecario municipal en Vigo (1946), que co tempo compaxinou coa de Técnico de Cultura e Arte do Concello de Vigo. A partires de mediados dos anos 40 do século pasado desenvolveu con certa regularidade a súa actividade artística na que destacou como retratista.

Tamén cabe subliñar a súa participación activa na dinamización cultural da cidade coa participación nos grupos artísticos da Vigo, como a Sociedade Amigos del Arte de Vigo, as tertulias artísticas do café Tropical ou o Derby, a recuperación da Batalla das Flores (1961) xunto a Maximino Fernández, ou a Exposición de Artistas Noveles (1961) cos seus compañeiros de xeración.
Descargar todas as imaxes

Máis información