Escoitar

A unanimidade do Pleno insta ao goberno local a elaborar un Plan de asfaltado e mantemento das rúas da cidade

Os votos de todos os grupos políticos deron luz verde na sesión plenaria de hoxe luns a solicitar á Concellería de Fomento a posta en marcha dun Plan de asfaltado e mantemento das rúas da cidade. A moción foi defendida pola concelleira popular Teresa Cendón.

luns, 29 abr 2013
O Partido Popular presentou hoxe luns unha moción, que foi apoiada por todos os grupos políticos, na que defendía instar á Concellería de Fomento a elaboración dun Plan de asfaltado e mantemento de rúas da cidade. O concelleiro de Fomento, David Regades defendeu a xestión do departamento que dirixe e avanzou o voto a favor do texto, ao entender que ese plan de renovación de rúas xa está en marcha.

Outra moción do PP aprobada na sesión plenaria desta mañá pasa por instar ao goberno municipal á presentación dun plan de aproveitamento do bus eléctrico. Cos votos a favor do PSOE e contrarios do BNG, o texto defendido por Marcos Araujo ten como obxectivo aproveitar o investimento realizado na súa adquisición. Neste senso, o concelleiro de Fomento, David Regades, xustificou o voto afirmativo do seu grupo porque esta moción redunda no que xa está a facer o goberno, utilizando este vehículo, entre outros cometidos, para trasladar traballadores municipais no desempeño das súas funcións.