Escoitar

O goberno local concedeu 10 millóns en subvencións no primeiro trimestre do ano

O informe do estado de execución orzamentaria do primeiro trimestre de 2013 deixa un saldo de 10 millóns de apoio a entidades da cidade, 62 millóns adxudicados en servizos e 10,3 millóns comprometidos para obras. Así o revelou a edil de Economía e Facenda, Raquel Díaz, no Pleno da Corporación deste luns.

luns, 29 abr 2013
O goberno de Vigo, nos primeiros tres meses deste ano, autorizou a adxudicación de 62 millóns para servizos, comprometeu 10,3 millóns para obras e apoiou a colectivos da cidade con 10 millóns de euros en subvencións. Así o detallou este luns a concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz, na presentación ao Pleno da Corporación do informe do estado de execución do orzamento, correspondente ao primeiro trimestre de 2013.

Díaz expuxo que o goberno local efectúa os seus pagos a terceiros nun prazo medio de 35 días, inferior ao máximo estipulado legalmente e tamén menor a outras administracións como a Xunta de Galicia. Ademais, a edil socialista apuntou que o Concello conta con 71 millóns na Tesourería municipal e adica, no 2013, 15 millóns para investimentos e 5,5 máis a políticas activas de creación de emprego.

O grupo municipal do Partido Popular, pola súa banda, denunciou unha rebaixa nos ingresos e nos gastos, pois a porcentaxe de pagos paso do 94% do pasado ano ao 90% do presente, e denunciou un gasto de 20 millóns da Tesourería. No tocante á débeda, a oposición censurou que Vigo foi a cidade galega cun maior incremento da mesma o pasado ano e asegura que chega aos 100 millóns, dato que a concelleira rebaixou aos 55,7 millóns que figuran nos informes do propio Ministerio de Facenda que dirixe Cristóbal Montoro.