Escoitar

O Concello demanda o cese do agravio a Peinador e esixe un trato igualitario para os tres aeroportos galegos

Dúas mocións sobre o aeroporto vigués foron debatidas e aprobadas este luns polo Pleno. Ambas, presentadas e votadas por socialistas e nacionalistas coa negativa do PP, reclaman o mesmo trato para Peinador que reciben Alvedro e Lavacolla no tocante ás subvencións. Vigo ten o único aeroporto galego que non recibe apoio público.

luns, 29 abr 2013
1367234850pleno.jpg
O moción presentada polo BNG insta á Xunta de Galicia á eliminación das subvencións que perciben tanto Santiago como A Coruña -por representar unha "competencia desleal" para a terminal viguesa-, reclama do goberno autonómico a "coordinación, especialización e conexión" dos tres aeroportos e lle solicita que "se trate de igual xeito aos tres aeroportos, potenciando a Peinador no lugar que lle corresponde por ser aeroporto representativo da cidade máis industrial de Galicia".

En paralelo, pois o debate de ambas mocións foi conxunto, o texto presentado polo grupo socialista demanda da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia "cesar esta política sistemática de agravios comparativos para coa cidade de Vigo e implementar axudas de igual magnitude que nos outros dous aeroportos galegos, facilitando o desenvolvemento e apoio para a captación de voos regulares e como terminal de carga, dado o tecido industrial de Vigo".

Tanto os socialistas como os nacionalistas coincidiron en resaltar a importancia dun "gran aeroporto" para a economía e o emprego dunha urbe industrial como Vigo, insistindo na necesidade de conceder apoio público a todos ou a ningún aeródromo galego para non crear desigualdades. O Partido Popular de Vigo non apoiou nin o texto do PSOE nin o do BNG e argumentou a súa negativa ás subvencións públicas a rutas por non conseguir a consolidación dos destinos.
Descargar todas as imaxes