Escoitar

O alcalde subliña que PSA Vigo está na vangarda da fabricación de vehículos eléctricos

Abel Caballero, entre numerosas autoridades, participou este mércores no acto de presentación do lanzamento industrial das Berlingo e Partner eléctricas na planta de Vigo de PSA, factoría que sumará mil empregos cos novos modelos e prevé producir este mesmo ano entre 2.000 e 2.500 furgonetas eléctricas.

mércores, 3 abr 2013
1365007218PSA.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, na súa intervención amosou o seu "orgullo" pola contribución da fábrica de Balaídos de PSA Peugeot Citroën na loita contra o cambio climático, ao estar na vangarda da fabricación de vehículos eléctricos.

Caballero apuntou que o camiño eléctrico de PSA Vigo se inicia en 2009, pasos que tiveron continuidade ata hoxe, polo que felicitou a directivos e traballadores da planta. O alcalde, quen leva varios anos cun vehículo oficial eléctrico, alabou as vantaxes deste novo e eficiente modo de transporte e defendeu que o futuro do eléctrico pasa polas cidades.

O rexedor vigués amosou o seu apoio e vocación de cooperación coa tecnoloxía e o I+D e valorou que a empresa francesa se lance cun proxecto coma este nos momentos actuais de dificultades.

Segundo confirmou o director da factoría, Antonio Muñoz Molina, os novos lanzamentos de vehículos na planta de PSA Peugeot Citroën -os modelos C-Elysée, Peugeot 301, as versións eléctricas das furgonetas e a nova versión do C-4 Picasso- implicarán un aumento de mil empregos no equipo da fábrica viguesa, con respecto ao número de traballadores que había a finais de 2012. Ademais, a previsión de produción é pechar o 2013 con máis de 400.000 unidades fabricadas, fronte aos 297.000 vehículos producidos en 2012.

Con respecto ao lanzamento industrial das versións eléctricas das furgonetas Berlingo e Partner, o director do proxecto, Tanguy Deren, explicou que a planta prevé montar entre 2.000 e 2.500 unidades en 2013, aínda que evitaron facer proxeccións a máis longo prazo, á espera de como se comporte o mercado.

Nese sentido, Muñoz Codina recoñeceu que o actual contexto de crise económica "está a atrasar a eclosión do mercado dos eléctricos", aínda que a fábrica de Vigo "está preparada para facer fronte á demanda" e disposta a adaptarse a esa demanda, xa que ten capacidade para producir máis vehículos dos inicialmente previstos. Así mesmo, explicou que eses novos vehículos poderían estar nos concesionarios este verán, e confirmou que a produción das versións eléctricas supuxo un investimento de máis de cen millóns de euros.
Descargar todas as imaxes