Escoitar

Caballero anuncia a posta en valor dos novos vestixios romanos atopados en Toralla

O alcalde indicou este martes que seis catas arqueolóxicas -acometidas previo á construción dun centro de interpretación da vila romana de Toralla- revelaron restos "de certa importancia" que o Concello quere descubrir e pór en valor, en "cooperación" coa Xunta de Galicia. A aparición obriga ao replantexamento do centro de interpretación previsto.

martes, 2 abr 2013
1364918918P4030579.JPG
Segundo apuntou Caballero despois de conversar cos arqueólogos, en tres das catas apareceron restos de muros, ladrillos e tellas e nas tres restantes, vestixios de derrubo de edificacións, en ambos casos sinalando unha serie de construcións "relevantes" da época romana.

Caballero afirmou que estas novas aparicións, "para sorpresa e afortunadamente", van alterar o "plantexamento" previsto para o centro de interpretación da vila romana de Toralla, cuxo proxecto ía ser aprobado o próximo venres polo goberno local. Trátase unha "gran riqueza arqueolóxica" para a cidade de Vigo a 150 metros da actual finca romana de Mirambell.

En próximos días, segundo avanzou o alcalde, celebraranse reunións de carácter técnico para estudar os pasos a seguir para descubrir e revalorizar o xacemento, incluíndo unha reunión coa Xunta de Galicia o próximo xoves para buscar a "cooperación" coa administración autonómica.

O centro de interpretación, cun orzamento consignado para a súa construción dun millón de euros, queda agora no aire, pois o goberno de Vigo prioriza a posta en valor dos novos vestixios romanos atopados. A aprobación do proxecto queda de momento en suspenso.
Descargar todas as imaxes