Escoitar

Abelairas presentou a programación de outono e as novidades da biblioteca municipal Xosé Neira Vilas

A concelleira de Cultura, Isaura Abelairas, presentou hoxe xoves en rolda de prensa o programa de actividades para este derradeiro trimestre de 2012 na Biblioteca Municipal Xosé Neira Vilas, ubicada<br /> en Martínez Garrido,no que destacou as accións de formación de usuarios, con dúas novas edicións dos cursos de alfabetización informacional.

xoves, 4 out 2012
1349351789isauraneiravilas.jpg
As accións de formación refirense,por un lado, "Achégate á Internet", no que os usuarios con
escasos ou ningún coñecemento de informática se achegan ao manexo das novas tecnoloxías da información e a comunicación, tan necesarias na actualidade.Por outro lado, "Achégate á Internet. Procura de emprego", no que se ofertan recursos básicos para a busca de traballo a través de portais webs especializados e os perfís profesionais nas redes sociais. Duplícase así a oferta deste tipo de iniciativas, con gran demanda por parte dos usuarios da biblioteca, co obxectivo de dar formación e información ao usuario para o seu desenvolvemento persoal.

Ademais, a biblioteca continúa cun programa de actividades permanentes e estables de animación lectora, que son xa citas ineludibles para os nosos socios. Dentro das actividades dirixidas ao público infantil repítese "Sabadiño do Roque", todo un fenómeno que acompañará o primeiro sábado de cada mes, así como coa "Hora dos Contos", que pasa a celebrarse o segundo xoves de mes, cubrindo desta forma un oco importante nas actividades realizadas entre semana.

Da mesma forma, e tras o éxito das sesións puntuais realizadas con anterioridade, pasa a converterse en actividade permanente "Entre arrolos e Contiños", destinado a bebés (entre 1 e 3 anos), un público que conta normalmente con pouca oferta de ocio, e que se desenvolverá os terceiros sábados de cada mes. Por outra banda, tamén os "Contos Dakí" pasan a ser permanentes, un ciclo de contacontos para público adulto que contará con algúns dos contadores de máis sona de Galicia, con nomes como Celso Sanmartín, Avelino González ou Paula Carballeira.

"O club de lectura", coordinado por Marila Ruíz (premio Blanco Amor 2004), continuará reuníndose 2 veces ao mes na biblioteca para que os seus membros poidan comentar o libro proposto e intercambiar ideas e opinións con outros lectores.

Non faltarán tampouco as mostras bibliográficas (Follas caídas) ou as exposicións (Xabarín 18, ao redor do xa mítico personaxe da TVG), e continuará a oferta de actividades lúdico-formativas para
os períodos vacacionais. Así, durante o Nadal os rapaces terán a oportunidade de participar no ciclo de obradoiros "Achégate á cerámica con... Emilia Guimeráns".

Para rematar, a partir de outubro a biblioteca volverá a abrir as súas portas ás visitas escolares. Tras o éxito do curso pasado, que xirou ao redor dos grandes descubrimentos xeográficos, este ano os participantes achegaranse á biblioteca da man dalgunhas das obras máis importantes da historia da arte.

IMPLANTACIÓN DE NOVOS SERVIZOS NA BIBLIOTECA

A Biblioteca Xosé Neira Vilas presenta unha serie de novidades para este trimestre como son:

AMPLIACIÓN DO SERVIZO DE PRÉSTAMO
En setembro púxose en marcha a ampliación do servizo de préstamo da biblioteca ás publicacións periódicas e aos videoxogos, que ata o momento era material só dispoñible para a consulta en sala.

SERVIZO DE INFORMACIÓN DE LISTAS DE NOVIDADES E RECOMENDACIÓNS
Neste mes de outubro porase tamén en funcionamento unha nova ferramenta dentro do blog da biblioteca. Son moitos os usuarios que día a día queren saber cales son as últimas novidades
adquiridas, ou que demandan aos bibliotecarios as súas recomendacións. Así, toda esta información estará dispoñible a través do blog: cun simple clic o usuario poderá coñecer as últimas
adquisicións da biblioteca ou acceder a completas guías de lectura, que ata o de agora estaban só dispoñibles en formato papel.

SERVIZO DE DOAZÓN
Atendendo ao interese da biblioteca de fomentar o enriquecemento da súa colección a través de doazóns privadas, procedeuse a regular as condicións e criterios, xunto ao procedemento e
formularios necesarios para a súa concreción.

MELLORA DA CALIDADE DO SERVIZO
Por último, elaborouse un cuestionario-enquisa de satisfacción coa finalidade de coñecer o grao de satisfacción dos usuarios e usuarias dos servizos da BNV e coñecer o rendemento dos seus procesos internos, buscando sempre a mellora dos servizos públicos.

DATOS ESTATÍSTICOS DIARIOS (marzo 2011 a setembro 2012)
414 persoas visitan a bibliotecaria
14 persoas fanse socias
84 persoas fan uso dos servizos de internet e ofimático
156 documentos son levados en préstamo
Descargar todas as imaxes