Escoitar

Caballero encomia os últimos éxitos do deporte vigués, "que dan á cidade un papel hexemónico e con xente das escolas deportivas"

Deportistas, adestradores e directivos de Vigo Squash, Esgrima El Olivo, Flic Flac, Club de Loita San Ignacio e Montañeiros Celtas foron recibidos polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, nun acto de felicitación polos seus éxitos das últimas semanas e no que durante media hora, o rexedor e o seu edil coñeceron e compartiron as inquedanzas de clubs moi significados no apoio ao traballo de formación e deportistas que logran éxitos incribles.

venres, 1 xuñ 2012
1338569266elite.jpg
"Estamos moi orgullosos de ter este nivel deportivo nestas modalidades e un papel tan importante", asegurou tras coñecer de viva voz de cada un dos protagonistas as medallas conquistadas entre marzo e maio.

Rexedor e concelleiro recibiron a Xisela Aranda (tricampioa de España absoluta e internacional con España), Hugo Varela (acaba de ascender a 1ª División coa selección española absoluta) e Cío García (subcampión de España sub 13), valores do Vigo Squash, a Judith Rodríguez (campioa de España cadete individual de florete e tamén junior e absoluta por equipos con esa arma), do Club Esgrima Vigo El Olivo, e a Sechu López, do Montañeiros Celtas (primeiro galego que fai cume no Annapurna), ademais do presidente do Flic Flac (nove medallas no Nacional de ximnasia acrobática e ouro en trío e parellas junior) e unha representante do San Ignacio de loita olímpica (campión de España junior feminino).

O alcalde non só quixo felicitar a estes clubs polos seus logros, senón que lles manifestou que desexa "pór en valor o papel hexemónico destes resultados, que amosan o alto nivel deportivo dos clubs da cidade"; ademais aplaudiu que as medallas obtidas por estas entidades "cheguen con deportistas forxados nas escolas deportivas municipais" e manifestou o seu compromiso e o do concelleiro de dar "máis apoio ao deporte de base", lembrando que a pesar "dos tempos tan difíciles e a terrible crise, no caso do Concello de Vigo ímolo levando ben, que xa non é pequena cousa".

A reunión celebrouse nun ambiente moi distendido, entre bromas e felicitando ademais a Sechu López por que hoxe é o seu aniversario. Caballero recoñeceulle o seu respecto por esta modalidade tan arriscada e interesouse pola evolución das conxelacións sufridas polo alpinista vigués (sete dedos dos pés aínda recuperándose das baixísimas temperaturas), explicando o montañeiro que "espero estar plenamente recuperado e sen secuelas en dúas semanas".
Descargar todas as imaxes