Escoitar

A Concellería de Medio Ambiente organiza talleres infantís para conmemorar o día das aves migratorias en Vigozoo

Esta semana celébrase o Día Mundial das Aves Migratorias, unha data sinalada polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) e que se ven a celebrar a 2ª fin de semana do mes de maio en todo o planeta. Por este motivo, a Concellería de Medio Ambiente organiza o sábado, 12 de maio, en Vigozoo, talleres para a construcción de caixas de madeira reciclada que se irán colocando en distintas zonas da cidade.

martes, 8 mai 2012
Desde a Concellería de Medio Ambiente lembran que esta semana celébrase o Día Mundial das Aves Migratorias, unha data sinalada polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) e que se ven a celebrar a 2ª fin de semana do mes de maio en todo o planeta, tendo coma obxectivo a preservación dos estreitísimos lazos culturais que temos cas aves migratorias e os vitais beneficios medioambientais e ata económicos que teñen. Trátase, por tanto, de asegurar que estes vínculos se conserven para as nosas xeracións futuras, os nosos nenos e nenas e mozos e mozas, que son o noso xérmolo que debemos coidar nestes eidos, alimentándoo e mimándoo no seu proceso de crecemento.

Por outra banda, o departamento que dirixe a concelleira Chus Lago tamén subliña que o 2012 é o Ano Internacional dos Morcegos, unha conmemoración proclamada pola UNEP, para a protección destes mamíferos voadores que desempeñan un rol fundamental para manter a saúde dos nosos ecosistemas, xa que capturan enormes cantidades de insectos, moitos deles son plagas forestais e agrícolas, permitindo minguar o uso de pesticidas nos campos de cultivos ou nas masas forestais dos nosos montes, parques e xardíns. En Galicia hai catalogadas ata 23 especies de morcegos, algúns deles coma o Nyctalus leisleri, son moi pequeños e enormemente escasos.

Por todo isto, a Concellaría de Medio Ambiente, actuará cun acto de sensibilización este sábado, 12 de maio de 2012 e dende as 17:00 ás 19:00 horas para os nenos e nenas de Vigo, mozas e mozos, onde participarán na construción de caixas nido, de madeira reciclada, para as aves migratorias que se están a instalar en Vigo dende as nosas zonas húmidas como A Bouza, Muíños, Goberna..., ata as áreas axardinadas da nosa cidade: O Castro ou Castrelos e que logo iranse colocando polos técnicos de Medio Ambiente do Concello de Vigo ou por voluntarios do programa do "Camiño a Camiño" da Concellaría de Medio Ambiente. Tamén coñecerán e participaran na elaboración de caixas niño para morcegos, algunhas das cales se colocarán no Vigozoo.

Todos aqueles nenos e nenas que desexen participar nestas actividades poderán anotarse ao longo da semán, de Luns a Venres chamando por teléfono ao 010 ou ben apuntarse no Vigozoo ao achegarse alí mesmo.

Todo isto forma parte dunha serie de actividades que entran dentro da programación do Departamento de Educación do Vigozoo para o mes de maio e que veñen sendo a continuación dunha aposta da Concellaría de Medio Ambente por eventos de educación na natureza coma foron, no seu momento, o "Multiaventura" na Praza da Independencia de Vigo ou a data de "Multiaventura no Encoro de Zamáns", na que un número salientable de rapazas e rapaces da cidade tiveron a oportunidade de socializar en grupo e na natureza a partires de diferentes actividades educacionais.