Escoitar

Presentación dun convenio para a atención de persoas maiores por parte do voluntariado universitario

venres, 20 abr 2001
imx132.jpg
Varios grupos de persoas maiores de Vigo visitarán a partir do venres o campus de Lagoas para achegarse á Universidade e coñecer os seus distintos servicios. Guiados por voluntarios do Programa de Voluntariado Cultural e Informativo da Universidade, desprazaranse por grupos tódolos venres ata o 15 de xuño, aínda que a elevada demanda obrigará a retomar as visitas en outubro dado que xa están cubertas tódalas prazas.

O obxectivo é “fomentar que coñezan as instalacións da Universidade, servicios, dinámicas e modo de vida dos estudiantes”. Esta iniciativa encádrase nun convenio asinado coa Concellería de Servicios Sociais de Vigo que se presentou no Rectorado. Preténdese, segundo indicou o vicerrector de Extensión Universitaria Óscar Rubiños, “conseguir unha presencia cada vez maior da Universidade na cidade e especialmente entre a xente maior”, fomentando a motivación do colectivo cara a esta institución. A concelleira de Servicios Sociais, Belén Sío, tamén indicou que permitirá un maior intercambio interxeneracional e coincidiu con Rubiños en que o convenio se prorrogará nos próximos anos.

Outra das actividades que se organizará é un concerto coral entre universitarios e persoas maiores, que se celebrará na primeira semana de xuño. Ademais, tamén se prevé unha mostra teatral conxunta para finais de maio ou principios de xuño e cunha duración de dous ou tres días. En principio, participarán varios grupos de teatro da Universidade, o Grupo de Teatro de Persoas Maiores de Coia e o Grupo de Teatro de Persoas Maiores das Aulas da Terceira Idade.

As visitas están destinadas a persoas de entre 65 e 80 anos e desenvolveranse entre as dez e a unha da mañá. Para participar nesta actividade é necesario pertencer a algunha asociación inscrita no Consello Municipal de Persoas Maiores, se ben contémplase a posibilidade de abrir a iniciativa a outros colectivos de maiores en caso de que exista demanda. En cada visita participarán 50 persoas, que serán levadas en autobús ata o campus, onde coñecerán as facultades de Filoloxía, Económicas, Ciencias ou a Biblioteca Central, visitando distintas instalacións como aulas, salón de actos, delegación de alumnos ou cafetería.
Descargar todas as imaxes