Escoitar

O Concello derruba un bar construído a carón da praia do Vao

martes, 17 abr 2001
O Concello de Vigo comezou os traballos de derrubo dun inmoble construído ao pé da praia do Vao, no número 36 da rúa Canido, que non respectaba a normativa urbanística vixente nesa zona. Deste xeito cúmprese unha sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na que se afirma que a construcción dese edificio era incompatible coa ordenación urbanística por non cumprir os retranqueos previstos.

O inmoble obxecto de derrubo albergaba o establecemento hostaleiro coñecido como “Don Chiringo”. Os arrendatarios do local comezaran a construír o edificio sen a preceptiva licencia. En abril de 1997 o Concello de Vigo acordou legalizar as obras, pero esa decisión foi anulada polos tribunais en febreiro do pasado ano atendendo un recurso presentado por un particular. O promotor das obras fixo caso omiso á orde de derrubo, polo que foi a Xerencia de Urbanismo a que procedeu á execución forzosa da sentencia contratando unha empresa especializada.

Os custos da demolición, estimados en 3.387.200 pesetas, seranlle esixidos ao promotor da obra pola vía de apremio. Os traballos de derrubo do inmoble durarán varios días e estanse a executar coa colaboración dos propietarios do local.