Escoitar

A Comisión de Goberno aproba o primeiro proxecto empresarial de interese municipal no marco do Plan Municipal de Emprego

luns, 16 abr 2001
A Comisión de Goberno aprobou a primeira cualificación como Proxecto empresarial de interese municipal (PEIM) dunha iniciativa empresarial viguesa, a proposta da Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego, o que significa que se beneficiará de bonificacións no pagamento de determinados impostos e taxas municipais no marco do Plan Municipal de Emprego 2000-2003.

Tamén poderá acceder á convocatoria deste ano das axudas á creación de empresas e das axudas á contratación, establecidas pola Concellería para fomentar o autoemprego na loita contra o paro.

Este empresa, en trámites de constitución e que adoptará a forma de Sociedade Limitada, terá por obxecto a prestación de servicios de carácter multimedia con aspectos innovadores ó utilizar a microinformática como sistema productivo, e terá un claro carácter xerador de emprego estable ó crear cinco postos de traballo (dous socios e tres empregados), cumprindo así parte dos requisitos establecidos nas bases reguladoras para a cualificación como PEIM que se aprobaron en setembro do ano 2000.

A iniciativa empresarial, que naceu da información e asesoramento a emprendedores dos técnicos locais de emprego da Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego, ó estar xa cualificada como Proxecto empresarial de interese municipal poderá beneficiarse no Imposto de Actividades Económicas (IAE) dunha bonificación na cota municipal dun 50% durante os primeiros cinco anos de actividade: na taxa de Licencia de Actividades e Instalacións e de Licencia de Obras, Construccións e Instalacións a reducción da chegará ó 75%: e por último a bonificación será do 50% no caso do Imposto sobre Construccións, Obras e Instalacións.

As iniciativas empresariais que queiran acollerse ás bonificacións fiscais teñen que ser cualificadas previamente como PEIM, independentemente da súa forma xurídica, e ter o seu domicilio no ámbito territorial do Concello de Vigo. Outros dos requisitos establecidos para a cualificación son que os promotores pertenzan a colectivos coas maiores taxas de desemprego ou con dificultades de inserción socio-laboral, que sexan beneficiarios de cursos formación ocupacional xestionados polo Concello ou, alumnos-traballadores procedentes de escolas obradoiro de carácter municipal.