Escoitar

O alcalde viaxa a Göteborg para presentar a candidatura de Vigo a acoller a Copa do Mundo de Hípica

mércores, 11 abr 2001
O alcalde de Vigo, Lois Pérez Castrillo, viaxa o xoves á localidade sueca de Göteborg para presentar a candidatura da nosa cidade a acoller unha das probas da Copa do Mundo de Hípica. Xunto ao alcalde, desprazaranse á cidade nórdica o concelleiro de Deportes, Santiago Domínguez Olveira, e unha delegación da Xunta, que tamén defende a posibilidade de que Vigo sexa a sede dunha das máis prestixiosas probas ecuestres de saltos do calendario internacional.

Göteborg será esta fin de semana o escenario da Copa do Mundo de Hípica. Alí reunirase a Federación Ecuestre Internacional, que decidirá cáles serán as sedes desta competición o vindeiro ano. A viaxe do alcalde de Vigo a Suecia é un aceno de apoio á petición xa formulada polo presidente de Hipigal, Manuel Fernández de Sousa, de que a proba se desenvolva na nosa cidade.

As rivais de Vigo na pugna pola designación son Oviedo e Barcelona. Os promotores da candidatura viguesa contan cos avais da tradición da nosa cidade como organizadora de eventos hípicos e das magníficas instalacións de Cotogrande, que permiten desenvolver a competición nun recinto cuberto.

A elección de Vigo como sede da Copa do Mundo de Hípica atraería á nosa cidade o vindeiro ano visitantes de todo o mundo que seguen o circuíto das máis importantes competicións ecuestres internacionais.