Escoitar

A Concellería de Cultura aposta por unha oferta pública, plural e atractiva na programación

martes, 10 abr 2001
O ciclo Voces de Autor continuará nos vindeiros anos e prolongarase no tempo, cubrirá o primeiro semestre e, de forma progresiva, irase internacionalizando, segundo expresou o concelleiro de Cultura, Carlos G. Príncipe, no balance realizado desta programación.

O custe dos cachés deste ciclo foi de oito millóns de pesetas e o balance foi positivo, xa que o único día que non se encheu o aforo foi coa actuación do cantante Imanol, que constituíu unha aposta da organización a pesar de ir dirixido a un público minoritario, pero quíxose traer un representante da nova lírica de poética urbana.

A intención da área de Cultura, segundo manifestou Príncipe, é garantir ó longo do ano a presencia de tódolos estilos musicais na cidade. Deste xeito, dedicarase un ciclo monográfico á xuventude no que os grupos máis novos poderán amosar as súas creacións no seo dun circuíto local. Establecerase unha plataforma que permita expresar a creatividade dos grupos da cidade e chegarase a un acordo con algunhas das salas existentes.

A organización dos ciclos Are-more, Voces de Autor, Música Sacra, Música Clásica para Novos Intérpretes e o de Músicas Alternativas supón un cambio integral na programación cunha oferta pública, plural e atractiva.