Escoitar

O Concello construirá este ano un parque en Matamá

luns, 9 abr 2001
A Comisión de Goberno do Concello de Vigo acaba de aprobar o proxecto para o acondicionamento dunha zona verde na parroquia de Matamá. A Concellería de Parques e Xardíns vai investir case 15 millóns de pesetas en crear unha alameda nesta barriada da cidade. A alameda ocupará unha superficie de máis de 3.000 metros cadrados e contará cun parque infantil, unha pista de petanca e zonas axardinadas. Por suposto, vaise dotar este parque con alumeado e diverso mobiliario urbano. Ademáis habilitarase unha zona de aparcamento ao seu redor.

Este proxecto enmárcase nun plan do goberno municipal de habilitar novos espacios de lecer na nosa cidade, especialmente naquelas areas que carecen de dotacións deste tipo, como é o caso da parroquia de Matamá.


O Concello subvencionará as empresas que contraten persoal dos Plans Municipais de Formación de Emprego

A Comisión de goberno aprobou a convocatoria de subvencións para as empresas que contraten persoas que participaran nalgún dos programas do Plan Municipal de Emprego. A fin destas axudas é a de facilitar a integración laboral de persoas que afrontan especiais dificultades para atopar traballo e que por iso foron seleccionadas para asistir a cursos de formación organizados por esta administración. O Concello subvencionará aquelas empresas de Vigo, ou con centro de traballo en Vigo, que subscriban un contrato con persoas que pasaran por eses programas formativos municipais. Trátase de mozos e mozas que buscan o primeiro emprego, de parados de longa duración ou de maiores de 45 anos. As axudas que concederá o Concello poden chegar ás 270 mil pesetas por cada contrato cunha duración dun ano e ás 135 mil pesetas por contratos de seis meses.

A Xunta colaborará co Concello nas obras de acondicionamento de Vigozoo

O Goberno Municipal aprobou un convenio de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente polo que este departamento da Xunta se compromete a colaborar economicamente co Concello nas obras de mellora de VigoZoo. O Concello comezou o pasado ano a realizar diversas obras en Vigozoo para adaptar as súas instalacións á normativa europea aplicable a este tipo de recintos. Esas obras consisten na construcción dun peche perimetral do zoolóxico e na mellora das areas de aloxamento dos animais. Co convenio aprobado hoxe, o Concello consegue unha aportación económica da Consellería de 3.782.000 ptas. Proximamente se asinará outro convenio coa Xunta por unha cantidade maior. Ademáis o goberno vigués está a realizar xestións ante a Deputación Provincial para que tamén ese organismo colabore co Concello no financiamento das obras de mellora necesarias en Vigozoo.

Axudas municipais escolares para libros e comedor

O Concello de Vigo destinou este ano 60 millóns de pesetas a axudas para a escolarización de rapaces de familias con poucos recursos económicos. O Concello subvencionará a adquisición de libros de texto e a asistencia aos comedores escolares.

Poderán solicitar estas axudas as familias empadroadas en Vigo que teñan uns ingresos mensuais inferiores ás 22.000 ptas. por persoa e con nenos/as matriculados en centros públicos ou concertados da nosa cidade. As peticións deben presentarse nas Unidades Básicas de Aención Social.

O pasado ano, o Concello concedeu 815 axudas para a asistencia a comedores escolares e 1920 para a adquisición de libros de texto.