Escoitar

Estopa ofrecerá un concerto en Vigo promovido pola Concellería de Festas

luns, 9 abr 2001
imx110.jpg
O grupo catalán Estopa actuará o martes 24 de abril no pavillón das Travesas. Temas como ”La raja de tu falda” ou ”Me falta el aliento” abríronlles as portas do éxito e agora estarán Vigo, convidados pola Concellería de Festas, para ofreceren un concerto que terá como grupo invitado a ”Reach”.

Os puntos de venda anticipada de entradas son Discos Elepé, Discos La Columna e Bocatrés. O prezo é de 2.500 pesetas.

David e José Manuel Muñoz son dous irmáns que con tan só un disco no mercado conseguiron que medio millón de persoas o mercasen, ademais de encheren os centos de concertos que ofreceron.

Comezaron a inventar cancións cun par de guitarras e inspirábanse para idear novos temas na fábrica na que traballaban ó pé do robot de soldadura. Alí compuxeron oito das 12 cancións do seu primeiro disco. O nome do grupo provén da voz do operario encargado de amañar o robot que sempre lle dicía ”dálle estopa á máquina”.

Comezaron a ensaiar seriamente na casa, cos seus colegas facendo de críticos e, como non se lles daba mal, empezaron a cantar en locais. Gravaron a súa primeira maqueta cunha mesa de seis pistas na casa dun amigo e enviárona a BMG, de onde os chamaron de seguido.

Teñen unha media de 6.000 persoas por concerto, cancións número un nas listas de vendas e varios discos de ouro. Participaron en bandas sonoras de filmes como ”Año Mariano”, ”Báilame el agua” ou ”Fugitivas”, colaboraron nos discos ”Todo Peret”, ”Perversiones Flamencas” e ”Carácter Latino 2” e recibiron importantes premios.

Compoñentes:

Sergio del Castillo é o batería e productor do disco. Colaborou, entre outros, con Rosario Flores.

Juan Maya é un dos guitarristas do grupo e colaborou con Rosarito, Raimundo Amador e Silvia Pantoja.

Gora Iñurrieta, o outro guitarrista, foi membro de Korroskada, Cicatriz e Bizkar Hezurrade.

Nacho Lesco dedícase ó teclado, coros e percusión e foi colaborador de Manolo García.

Luismi Baladrón toca o baixo, como en Caiga quien Caiga.

Chonchi Heredia pon a súa voz a algunhas das cancións.

Luis Dulzaides é percusionista e colaborou coa Niña Pastori e con Ketama.
Descargar todas as imaxes