Escoitar

Carmela Silva revela que Urbanismo multiplicará en 2012 o orzamento para expropiacións e desenvolvemento do PXOM

A primeira tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, Carmela Silva, adiantou este xoves algunhas das claves do orzamento de 2012 da Xerencia, unhas contas que multiplican por catro as partidas para desenvolver o Plan Xeral a través de asistencias técnicas e duplica as destinadas ás expropiacións. "Estamos envorcados en desenvolver o PXOM de Vigo", recordou a concelleira.

xoves, 27 out 2011
1319717538carmela.JPG
A primeira tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, Carmela Silva, adiantou este xoves que os orzamentos da Xerencia para 2012 multiplicarán as partidas económicas para as expropiacións e o desenvolvemento do Plan Xeral con respecto ao ano actual.

En rolda de prensa, Silva asegurou que "estamos envorcados en desenvolver o PXOM de Vigo, interna e externamente" e apuntou que os propios técnicos da Xerencia de Urbanismo serán os encargados de elaborar os planeamentos urbanísticos, un traballo con "custe cero" que anteriormente era externalizado.

De cara ás contas de 2012, a edil desvelou que Urbanismo multiplicou "por catro" ata os 136.000 euros o orzamento adicado a asistencias técnicas para o desenvolvemento do Plan; así como duplicou as partidas económicas para as expropiacións, quedando en 429.000 euros.

A primeira tenente de alcalde tamén adiantou que, de cara ao próximo ano, reducíronse as cantidades reservadas para produtividades dos funcionarios da Xerencia e inluíuse unha reserva para cotas de urbanización, que gobernos anteriores non abonaban. "Neste orzamento contémplase coma nunca unha aposta polo desenvolvemento do Plan Xeral", concluíu Silva.
Descargar todas as imaxes