Escoitar

O Pleno aproba a conxelación real das taxas municipais de 2012

A concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz, presentou no Pleno da Corporación celebrado este xoves a proposta do goberno local de conxelar en termos reais os impostos e taxas municipais para o próximo ano. Aplícase así o IPC do 3,8% interanual do mes de abril, como ven sendo habitual no Concello de Vigo; as ordenanzas fiscais contemplarán unha reducción do 21% da taxa do lixo para oficinas e poderá fraccionarse ás débedas inferiores a 400 euros.

xoves, 8 set 2011
A Corporación municipal de Vigo aprobou a conxelación real das taxas e impostos municipais para o próximo ano, dentro das ordenanzas fiscais do orzamento de 2012.

Así o explicou a concelleira de Facenda, Raquel Díaz, ao anunciar a proposta do goberno local de aplicar o IPC interanual do mes de abril, como ven sendo habitual no Concello, que desta volta é dun 3,8%. Tamén actualizaranse na mesma porcentaxe as cantidades mínimas a percibir polos cidadáns e familias que poidan acollerse á exencións de pago dalgunhas das taxas, como por exemplo o lixo.

Caso particular é o do Imposto de Bens Inmobles, cuxa actualización será menor ao IPC, dun 3,68%, o que significa un 3,3% menos do coeficiente de actualización, tal e como explicou a edil socialista na súa intervención.

Raquel Díaz argumentou que esta conxelación real das taxas son medidas que levan a Vigo unha vez máis a ser a cidade con menor carga fiscal, pagando un vigués "a metade" dos impostos municipais do que paga un madrileño, e recibindo "máis e mellores" servizos.

A proposta do grupo nacionalista, respaldada polo goberno, as ordenanzas tamén incluirán unha reducción aproximada dun 21% na taxa de lixo para oficinas e despachos. O executivo vigués tamén realizará un estudo para a redistribución e reestructuración da tarifa da auga e, tras unha moción nacionalista de urxencia, procederá a modificar a ordenanza fiscal xeral para permitir aprazar ou fraccionar ás débedas inferiores a 400 euros cando a debedora non teña ingresos durante un mínimo de seis meses, sexa desempregada de longa duración ou teña unha renda inferior a dúas veces o indicador público de renda de efectos múltiples.