Escoitar

O alcalde anuncia o inicio do proceso para licitar este ano 16 millóns de euros en humanizacións

Abel Caballero avanzou este mércores que o goberno local inicia o procedemento administrativo para as humanizacións de Aragón, Nicaragua, Brasil, Juan Ramón Jiménez, Pintor Colmeiro, Martínez Garrido, Ramón Nieto, Doutor Marañón e Menéndez Pelayo, cun investimento superior aos 16 millóns de euros. Estas reformas serán licitadas este ano e sumaranse aos 7,5 millóns en humanizacións actualmente en obras.

mércores, 7 set 2011
1315400874Imagen004.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este mércores o inicio do proceso para humanizar nove rúas da cidade cun investimento de 16 millóns de euros, obras que serán licitadas este ano.

Segundo detallou Caballero, trátase das melloras de Aragón (por 1,5 millóns), Nicaragua (2,5 millóns), Brasil (2,1 millóns), Juan Ramón Jiménez (500.000 euros), Pintor Colmeiro (870.000 euros), Martínez Garrido (2,9 millóns), Ramón Nieto (1,5 millóns), Doutor Marañón (807.000 euros) e Menéndez Pelayo (2,5 millóns), reformas que "van ser licitadas este ano".

O alcalde vigués recordou que actualmente xa están en obras de humanización a rúa Castelao, o entorno de Balaídos, Severino Cobas e Manuel Álvarez, cun custe de 7,5 millóns de euros, polo que "este ano teremos en marcha obras por valor de 23 millóns", concluíu Caballero.

"Non só mantemos o nivel de investimento senón que o estamos a acelerar substancialmente", asegurou Abel Caballero, quen indicou que é posible manter o ritmo inversor e facer fronte á indemnización derivada da sentenza xudicial de Miraflores -procedente dos gobernos anteriores e por valor de máis de 10 millóns de euros- ao ser Vigo "o concello máis saneado de España".
Descargar todas as imaxes